Un agoladés denuncia retrasos en citas para controis no servizo de Oncoloxía do CHUS
- Laura Moure
- 26 feb 2023
- 2 Min. de lectura
Santi Calvo operouse nun ano dúas veces debido ao un cancro e leva dende novembro a espera dunha consulta para saber os resultados dun TAC e dunha analítica
Laura Moure/Agolada
Santi Calvo é un veciño do concello de Agolada que denuncia retrasos en citas para controis no servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Xa puxo tres reclamacións, pero aínda está a espera de que lle dean consulta para saber o resultado dunha analítica e dun TAC realizados no pasado mes de novembro.
Calvo ten 49 anos e operouse nun ano dúas veces debido a un cancro de colon con metástases hepáticas. "Opereime en Navarra porque era todo máis rápido e ante a gravidade da enfermidade decidín viaxar ata alá para someterme en decembro de 2019 á primeira intervención quirúrxica. Pero un ano despois, en decembro de 2020, debido ás metástasis no fígado tiven que someterme a unha segunda". Tras as operacións estivo viaxando a Navarra para facer a correspondente quimioterapia e para realizar todos os controis, ata que o derivaron ao centro hospitalario de Santiago de Compostela.

"Os médicos en Navarra recalcáronme que nos cinco primeiros anos dende que me detectaron o cancro son moi importantes os controis para controlar que non me volva a repetir, por iso me subliñaron a importancia de facer un seguimento ao menos cada seis meses", explica este afectado. Sinala que nos primeiros meses neste centro galego si que foi atendido sen problemas, pero denuncia que na actualidade se está pasando por alto este prazo, tan importante para evitar unha recaída.
Malgasto de recursos
"O 19 de novembro fixen un TAC no hospital e ao día seguinte unha analítica no centro de saúde, pero estamos en febreiro e aínda non me deron consulta para saber os resultados. Ao final, estes resultados, a día de hoxe, xa non din a verdade, polo que tería que volver a repetilos, malgastándose recursos e sobrepasando así os seis meses", lamenta este paciente.
Apunta que xa fixo tres reclamacións nestes últimos tres meses, as cales foron constestadas inmediatamente e nas que lle indicaban que lle darían a consulta na maior brevidade posible, pero el segue agardando ante incertidumbre de saber se realmente se atopa ben xa que a loita contra unha enfermidade coma esta non é doada.
Calvo agradece o trato do persoal administrativo, das enfermeiras, dos médicos... pero lamenta a actitude da Dirección do hospital porque este tipo de demoras non se poden permitir, porque estamos falando da vida dunha persoa, e por desgracia, considera que o que está pasando el tamén o sufren moitos outros doentes.
Comments