Ulloa Viva recibe unha delegación de Sumar na Ulloa e dá conta sobre o impacto de Altri no Camiño
- ecosdacomarca

- 14 jun 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/A Ulloa
A comarca da Ulloa foi onte o epicentro da preocupación política e social polo proxecto industrial de celulosa de Altri. Unha delegación de Sumar, encabezada pola eurodeputada Estrella Galán, a voceira no Congreso Verónica Martínez, e o deputado Manuel Lago, visitou a zona para coñecer de primeira man a posible afectación da planta, especialmente sobre a agricultura ecolóxica e o patrimonio cultural.

A visita iniciouse no proxecto de Carmela e Chusa de Milhulloa, unha explotación deç agricultura ecolóxica que se vería directamente afectada pola instalación da fábrica. Os representantes de Sumar foron recibidos por membros da Plataforma Ulloa Viva, incluíndo
a Braulio Vilariño (directivo), Zoe Iriarte, María Soledad González, Zeltia Laya (voceira) e Álvaro Sixto. Todos eles expresaron as súas profundas inquedanzas sobre o impacto ambiental e económico do proxecto na rexión.
O Ministerio de Cultura Actúa Ante o Risco para o Patrimonio e a Saúde Paralelamente á visita de Sumar, o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, manifestou onte a súa grave preocupación a través dunha carta dirixida ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Urtasun solicitou unha reunión técnica urxente entre ambas as administracións para analizar o alcance do proxecto Gama (impulsado por Altri e Greenalia) e a súa posible afección ao Camiño de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade.
Na súa misiva, o ministro salienta a necesidade de garantir a protección do Valor Universal Excepcional do Camiño de Santiago. Por iso, propón unha reunión entre técnicos da Xunta e o Ministerio para examinar en detalle a intervención proxectada. Urtasun tamén instou á Xunta a non tomar ningunha decisión antes de coñecer o ditame do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), o órgano consultivo da UNESCO, que xa está a estudar o caso. A carta do ministro non só se centra no patrimonio, senón que tamén expresa unha forte inquedanza pola posible ameaza que este proxecto industrial implica para a saúde da poboación, os ecosistemas da zona e sectores clave para Galicia como o turismo e o sector primario.
Publicidade
Ulloa Viva esixe un Informe Vinculante do Ministerio de Cultura
Dende a Plataforma Ulloa Viva, ademais de trasladar as súas preocupacións á delegación de Sumar, esixen ao ministro Urtasun responsabilidade coa emisión dun informe do propio Ministerio de Cultura sobre o impacto de Altri no Camiño de Santiago. A plataforma considera fundamental que este informe ministerial se faga público e teña un carácter vinculante para protexer o patrimonio e o futuro da comarca.
A converxencia da visita de Sumar e a intervención do Ministerio de Cultura, sumado á insistencia da Plataforma Ulloa Viva, subliña a crecente oposición e a preocupación polo proxecto Altri, tanto a nivel local como nacional, e pon de manifesto a necesidade dunha análise exhaustiva e independente dos seus impactos.







Comentarios