top of page

Ulloa Viva pide á Xunta “que se poña dunha vez do lado dos técnicos” e desbote o proxecto de Altri

A veciñanza non entende que o goberno galego “siga adiante só en defensa dunha empresa e un proxecto fronte a todo o país”


Laura Moure/A Ulloa

Diante dos últimos acontecementos arredor do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei, a Plataforma Ulloa Viva insiste á Xunta de Galicia “que abandone a súa postura de defensa da empresa fronte ás evidencias técnicas e científicas que deixan claro que o proxecto é un atentado medioambiental e socioeconómico contra o corazón de Galicia”. Para Ulloa Viva no momento actual “queda claro que a Xunta quedou soa na defensa da macrocelulosa”, por iso “demandamos ao presidente Rueda e a todo o seu goberno que atenda a todas as voces que lle están a advertir dos perigos deste proxecto e desbote dunha vez por todas” a macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei.

Concentración onte en Palas de Rei con motivo da reunión do PP comarcal con cargos do PPdeG.

“Cada vez enténdese menos que un goberno que tería que defender o seu territorio e aos

seus cidadáns siga empeñado en ir contra a veciñanza e as advertencias dos técnicos para beneficiar a unha empresa privada e catro amigos”. A Plataforma critica que logo de que mesmo o Consello da Cultura Galega (CCG) emitira un informe demoledor contra os

posibles efectos deste Proxecto Gama “advertindo mesmo que hai perigo para a saúde da

poboación”, a única reacción da Xunta sexa “criticar aos técnicos, criticar ao resto dos

partidos e ningunear o clamor popular contra a macrocelulosa”.


A Plataforma reclama á Xunta de Galicia (tanto ao presidente coma ás conselleiras de

Medio Ambiente e Economía “as maiores valedoras de Altri-Greenalia) “que abandone o

seu negacionismo medioambiental e se poña dunha vez por todas do lado dos técnicos, d lado dos científicos e do lado da veciñanza. Que se poñan do lado de Galicia”. Dende Ulloa Viva “non entendemos que logo de todas as peticións que temos feito ás conselleiras de Medio Ambiente e Economía para que falen cos veciños e veciñas, só reaccionen cando semella que os fondos públicos que piden para Altri non van a chegar, e veñan correndo a Palas de Rei a reunirse cos voceiros do PP, en vez de escoitar aos veciños e veciñas que saímos en Palas o 26 de maio ás rúas, máis de 20.000 persoas”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Incendios en Portugal

A veciñanza das comarcas afectadas miran tamén con preocupación cara aos incendios que unha vez máis están asolando estes días Portugal. Coma acontecera xa no ano 2017, o país veciño volve a sufrir unha vaga de lumes violentos, destructivos e mesmo con vítimas mortais “de novo polo modelo forestal que as súas industrias pasteiras teñen

implementado”, un modelo con 2.400 quilómetros cuadrados de área forestal na que o 80% son eucaliptais. O carácter pirófito desta especie está a volver a arrasar Portugal coma no 2017. A Plataforma Ulloa Viva lembra que "xa daquelas, cando houbo preto de 100 mortes, a investigación concluíu que o 80% do queimado foron eucaliptos destinados ás industrias pasteiras de Altri e Navigator".


“Non imos consentir que isto pase tamén en Galicia”, advirte a Plataforma Ulloa Viva, “e un

goberno da Xunta responsable tampouco o permitiría”. Segundo os seus propios datos,

"Altri-Greenalia recoñece que empregaría 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano, e o

informe do Consello da Cultura advirte que habería que plantar 190.000 hectáreas máis de

eucaliptos, un modelo forestal aplicado en Portugal que agora está a arrasar o territorio e

mesmo as vidas dos nosos veciños, xa eleximos un modelo socioeconómico de éxito

demostrado, que redistribue a riqueza, non vamos dar nin un paso atrás polo beneficio

privado de catro ricos que queren ser máis ricos a conta de que os veciños vivamos peor,

farémonos valer coa Xunta do noso lado ou sen ela”.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page