Ulloa Viva encarga informes técnicos á USC para a loita administrativa e xudicial contra Altri
- ecosdacomarca

- 29 oct 2025
- 2 min de lectura
Un equipo multidisciplinar elaborará “un Informe de avaliación crítica sobre o expediente e a declaración de impacto ambiental”
Ecos da Comarca/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva asinou, o pasado mes de agosto, un contrato coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a elaboración de varios informes sobre o Proxecto Gama impulsado por Altri-Smarttia (propietaria dun 95% de Greenalia). O obxectivo destes traballos sería servir de base nos procesos administrativos e xudiciais cos que se tenta paralizar a construción dunha macrocelulosa que afectaría directamente as comarcas da Ulloa, Terra de Melide, Arzúa e Deza.
Publicidade
En virtude do contrato asinado, a USC elaborará “un Informe de avaliación crítica sobre o expediente e a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto industrial estratéxico da industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, nos concellos de Melide e Santiso (A Coruña), Palas de Rei (Lugo) e Agolada (Pontevedra), promovido por Greenfiber SL., e da subseguinte Autorización Ambiental Integrada (AAI) e aprobación do Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), así como das autorizacións de captación e/ou vertedura por parte de Augas de Galicia”.
A finalidade deste informe é “fundamentar, en especial como proba, as accións administrativas e/ou xudiciais que a Plataforma Ulloa Viva interpoña contra dos actos administrativos relativos ás resolucións anteriormente indicadas”. O responsable do desenvolvemento do traballo por parte da USC é o doutor en Historia Contemporánea, David Soto Fernández, adscrito ao Departamento de Historia (Área de Historia Contemporánea) da Facultade de Xeografía e Historia.

Para avaliar a marcha dos traballos, este mes de outubro o presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, mantivo un encontro de coordinación en Santiago co profesor Soto. Ao remate do mesmo Sánchez saudou tamén a Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC.
O contrato ten vixencia até o 31 de decembro de 2026, e está previsto que o equipo investigador da USC entregue un primeiro informe de seguimento o 31 de decembro de 2025. O equipo investigador da USC está integrado por 16 persoas de recoñecido prestixio profesional que realizará unha avaliación dos expedientes da DIA, AAI e PIE, e á resolución de Augas de Galicia “tanto no referido aos proxectos presentados como aos informes emitidos e as correspondentes resolucións administrativas”.
Publicidade
Con esta análise, a USC fundamentará tecnicamente, aos efectos de proba “nos procedementos administrativos e, en especial, xudiciais”, unha avaliación referida a
aspectos como o impacto patrimonial do proxecto de Altri-Smarttia, incluíndo o Camiño de Santiago como paisaxe damnificada; a derrama económica e a colisión de usos en distintos sectores como o agrogandeiro e o marisqueiro, tanto na comarca da Ulloa como no conxunto de Galicia; a degradación do sistema hidrolóxico e da biodiversidade ou os efectos da contaminación; as consecuencias negativas na ordenación do territorio; os “efectos acumulativos perniciosos e as sinerxías negativas” que se derivarían da instalación da fábrica de celulosa; e a avaliación do “axuste” dos procedementos da DIA, AAI e PIE “á normativa galega, estatal e europea”.








Comentarios