top of page

Ulloa Viva defende paisaxe de mosaico e pastoreo fronte á política que “obriga ao rural a vivir nunha polvoreira”

A voceira da Plataforma Marta Gontá chama a manifestarse hoxe en Compostela “Por un monte galego vivo e con futuro”


Ecos da Comarca/Xeral

A Plataforma Ulloa Viva estivo onte na Proba de Navia nunha xornada convocada con motivo do 50 aniversario da Asociación pola Defensa de Galicia (Adega). A voceira da plataforma Marta Gontá participou neste encontro nunha mesa redonda arredor das “loitas deste tempo”, explicando á xuventude da zona a loita levada a cabo desde a Plataforma Ulloa Viva contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.


No evento, previo á celebración de hoxe en Compostela da manifestación “Por un monte galego vivo e con futuro” contra a peor vaga de lumes da historia de Galicia, Gontá animou a participar masivamente na manifestación porque “hai que unirse na defensa do territorio e dunha maneira de vivir respectuosa coa contorna e que redistribúa a riqueza”.

Na súa intervención, a voceira de Ulloa Viva explicou que a Plataforma defende “a paisaxe de mosaico, o pastoreo e unha industria sustentable que dea valor engadido e peche o círculo cos produtos de calidade que xa temos”. Sinalou Gontá que “defendemos vivir ben e elixir o noso modo de vida, e expresou un “rexeitamento rotundo” ao modelo defendido pola Xunta de Galicia “que impulsa Ence e que quere rematar Altri”. Destacou Gontá que estas industrias “pretenden acaparar os recursos e bens de todas e todos para convertelos en beneficios privados, botando á xente do rural”.


Segundo explicou a voceira de Ulloa Viva ás novas xeracións que comezan na Proba de Navia a defender o territorio, todo o que defende a Plataforma Ulloa Viva “axuda de maneira natural á prevención de incendios”, mentres que as políticas que está a impulsar a Xunta para o rural “obrígannos a vivir no medio dunha polvoreira, asfixiando ao rural para que non se poda vivir nel”. Criticou a voceira de Ulloa Viva que “semella que a xente do rural estorbamos” pero fronte a isto reivindicou “o orgullo de ser de aldea” e asegurou que “nós non abandonaremos o territorio, imos seguir defendendo a paisaxe de mosaico e o pastoreo para evitar que Galicia arda”.


Fronte aos modelos e políticas que este verán demostraron ser un fracaso diante da maior vaga de lumes da historia do noso país, a Plataforma Ulloa Viva sigue a defender “o modelo sinxelo que ademais redistribúe a riqueza, e no que non hai lugar para a especulación e o espolio”. Marta Gontá chamou na Proba de Navia á xente moza a “loitar polo seu futuro e o dos seus fillos e fillas”, e asegurou que a Plataforma Ulloa Viva seguirá nesta loita convencida de que “isto non vai a ser territorio de espolio, non lles imos permitir que con políticas obsoletas nos impoñan vivir peor e nunha polvoreira”. Diante diso asegurou Gontá que “seremos nós quen decidamos o noso futuro”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Lembrou a voceira de Ulloa Viva que o rural tradicional galego “sempre deixou espazo para os montes e animais salvaxes, que teñen unha función moi importante no medio natural”. Por iso, diante da política da xunta “centrada nos cartos e a explotación desaforada do monte”, defende a Plataforma “o coidado do territorio, o desenvolvemento natural do rural e a calidade de vida da veciñanza que vivimos nel”. Esa calidade de vida, dixo Gontá “só se da respectando á natureza e os seus tempos”. Este modelo confronta directamente co “espolio do rural”, que segundo lembrou a voceira de Ulloa Viva “queima o monte e o noso futuro. Queremos vida e non eucaliptos”.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page