Ulloa Viva critica que a Xunta “siga sen informar á veciñanza afectada” da tramitación de Altri
- ecosdacomarca

- 11 ago 2024
- 3 Min. de lectura
A Plataforma pediu o pasado 29 de xullo ao secretario xeral de Industria un mellor trato da Xunta ao territorio afectado “e xa vemos a súa resposta”
Ecos da Comarca/Xeral
A Plataforma Ulloa Viva está a vivir “con disgusto e indignación” unha nova afrenta da Xunta de Galicia aos veciños e veciñas das comarcas da Ulloa, Deza, Terra de Melide e Arzúa “que levan toda a semana a contagotas enterándose pola prensa do que os técnicos do goberno galego opinan sobre o proxecto de Altri”. Ulloa Viva considera que este é “un exemplo máis do maltrato que a Xunta está a dar á veciñanza afectada polo proxecto da macrocelulosa. Dous anos relacionándose cos afectados e afectadas a través de titulares de prensa”.

"Dende a Plataforma Ulloa Viva temos denunciado publicamente o comportamento do
goberno galego nestes meses cos veciños e veciñas, un comportamento que en nada se
asemella ao trato que a Xunta lle está a dispensar a Altri neste tempo. E isto acontece así a
pesares de termos presentado máis de 23.000 alegacións, de que o 26 de maio saímos á
rúa en Palas ao berro de “Altri Non” máis de 20.000 persoas e de que o 30 de xuño máis de 30.000 arrodeamos o edificio de San Caetano para pedirlle ao goberno do señor Rueda que paralice este proxecto que atenta contra o noso territorio, a nosa saúde, o noso modo de vida, a nosa economía e o noso futuro".
Publicidade
Lembra que o pasado 29 de xulio foi a primeira vez que membros da Plataforma Ulloa Viva foron recibidos na sede da Xunta. Zeltia Laya e Marcial Barral tiveron unha reunión co secretario xeral de Industria da Consellería de Economía. Nese encontro a Plataforma fixo fincapé en pedir ao alto cargo que está a tramitar o proxecto de Altri “que o goberno galego empece a mirar dunha vez por todas polo territorio e polas persoas que viven nel, que se preocupe porque os seus técnicos veñan á zona e falen coa xente”.
Publicidade
"Nesa reunión tamén demandamos información coma afectados do estado da tramitación das alegacións presentadas. Apenas uns días despois e logo de pedir dende a Plataforma acceso a todos os informes a respecto do proxecto, atopámonos día si e día tamén titulares en medios de comunicación sobre os resultados dos supostos informes técnicos que a Xunta ten encargado a distintos departamentos sobre os impactos do proxecto de Altri. Eses impactos van directamente sobre a nosa paisaxe, a nosa biodiversidade, a nosa economía e a nosa saúde, pero a Xunta de Galicia no canto de preocuparse polos afectados está mercadeando cos informes técnicos en distintos medios de comunicación”.
Publicidade
Preocupación
"Dende a Plataforma Ulloa Viva pedimos por enésima vez á Xunta de Galicia “respecto” para a veciñanza, “que deixen de usar as institucións públicas en beneficio de intereses empresariais e que veñan ao territorio, que nos informen e nos expliquen da tramitación,
que nos digan sobre o terreo que a Lagoa de Quintas e a súa biodiversidade non se van a
ver afectadas estando a 250 metros dunha macrocelulosa”.
Á Plataforma Ulloa Viva sorprendeulle ler na prensa que un destes informes técnicos, o do
Instituto de Estudos do Territorio, recoñece o enorme impacto paisaxístico que a macrocelulosa de Altri tería na zona. "Ao contrario do que Altri leva meses dicindo, os técnicos falan das 366 hectáreas de terreo, a cheminera de 75 metros e as outras catro
edificacións de entre 50 a 60 metros de alto cada unha". Ulloa Viva considera que
recoñecendo esta realidade “é unha mágoa que o informe se limite a dar seis pautas de
xardinería e pintura de camuflaxe” para solventar o que di que é “un impacto paisaxístico
considerable”.
Publicidade
A Plataforma advírtelle ao goberno galego que “persistir nesta actitude coa veciñanza
aumenta o rexeitamento social ao proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, e
suporá que a Xunta vai seguir estando enfronte dos veciños e veciñas en vez de a carón de nós como debería facer un goberno responsable”.










Comentarios