Centos de veciños elaboran en Monterroso pancartas e lemas para a manifestación do 26 de maio en Palas
Laura Moure/A Ulloa
A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, criticou este sábado nun acto convocado por Monterroso Vivo, a diferencia de trato que a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado lle están a dar á empresa portuguesa Altri e aos veciños e veciñas do Alto Ulla. Gontá cualificou de “indignante” que os políticos “que terían que representarnos a todos os galegos e galegas estean máis preocupados por favorecer a unha empresa que por atender as preocupacións e demandas dos seus representados”.
Publicidade
A voceira da Plataforma Ulloa Viva amosa ademais o “malestar” entre a veciñanza logo
dunha semana na que “vimos de coñecer que o Concello de Palas tiña un informe do
arquitecto municipal de decembro de 2022 en contra da instalación de Greenfiber na Finca
Quintas”. Marta Gontá criticou que coma única solución o Concello agardou ao 29 de
decembro “a que a Xunta de Galicia o declarase proxecto industrial estratéxico, e saltarse así a normativa que incumpre”. Diante destes feitos Gontá demanda que a veciñanza
“queremos saber por qué este trato de favor a unha empresa privada, que ademais nesa
data segundo o propio director do proxecto non tiña nin feito o Estudo de Impacto Ambiental (EIA)”.
Publicidade
Segundo destacou Gontá onte en Monterroso, o de Altri “non é un problema do Alto Ulla, é
un problema de toda Galicia, un problema que se non o paramos agora van herdalo os
nosos fillos e fillas”. A respecto asegurou que “non o imos permitir, queremos un futuro
sostible, que redistribúa a riqueza para os nosos fillos e fillas”. A Plataforma Ulloa Viva
chama por iso a todos os galegos e galegas a mobilizarse o vindeiro 26 de maio en Palas
contra todo isto. Marta Gontá agradeceu a toda Galicia o “traballo conxunto que está a
facer a veciñanza de todo o país para dicir alto e claro o 26 de maio Altri Non”.
Un problema de toda Galicia
A voceira da Plataforma dixo que nesta manifestación “imos deixar máis claro se cabe que non imos permitir que se privatice auga, o aire e a terra, que son recursos naturais
imprescindibles para a vida. Queremos que sigan sendo públicos e de todos e todas”. O
berro común que a manifestación do 26M lanzará deixará claro, segundo Gontá que, “non
queremos Altri nas nosas comarcas, non queremos Altri para Galiza, ímolo deixar moi
clariño por si alguén lle quedan dúbidas. Imos vestir pobos e vilas con pancartas e lemas
deixando claro que Altri non, queremos o modelo socioeconómico que estamos creando
entre todas, e non un que nos ven imposto”.
Marta Gontá asistiu este sábado en Monterroso á “xornada creativa pola defensa da nosa Ulloa”. Monterroso Vivo convocou este evento e reuníu a máis dun cento de persoas de todas as idades na Cúpula para elaborar as súas propias pancartas para a manifestación
convocada para o vindeiro 26 de maio en Palas de Rei contra o proxecto da macrocelulosa
de Altri. Teas, cartóns, cartulinas serviron de lenzo para que os asistentes fixeran os
preparativos dos seus propios lemas reivindicativos arredor da marcha contra Altri do 26M. Os asistentes desfrutaron ademais de música e unha merenda mentres preparaban os seus cartaces.
Comments