O profesor de Economía Aplicada da USC, Edelmiro López Iglesias, explicou polo miúdo a súa análise do impacto socioeconómico
Ecos da Comarca/Xeral
O Colectivo A Ulla Viva da Plataforma Ulloa Viva organizou onte na Estrada unha charla informativa arredor dos impactos do proxecto da macrocelulosa de Altri no río Ulla. A presidenta da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, animou aos asistentes a acudir masivamente o vindeiro 15 de decembro a Compostela “porque coidar e defender o río Ulla é a nosa responsabilidade”. Explicou a voceira da Plataforma que desde a Ulloa, o Ulla atravesa 11 concellos até a Ría de Arousa, unha poboación de preto de 130.000 habitantes que reciben auga deste río ao abrir as súas billas.
Nun acto presentado polo artista local Pablo Carracedo Jásper, que escribiu unha canción a respecto desta problemática para o seu grupo “Loita Amada”, Marta Gontá lembrou que o propio Estudo de Impacto Ambiental (EIA) de Altri-Greenalia que a Xunta de Galicia está a tramitar, recoñece que a macrocelulosa vai verter ao río Ulla –na parroquia agoladesa de O Sexo—30 millóns de litros de auga ao día logo de ser “tratados” con químicos na planta de Palas e a 27 graos de temperatura. Tamén lembrou Gontá que o EIA da empresa fala de 60 toneladas diarias de sulfatos que prevé botar ao Ulla.

Diante deste “panorama” a Plataforma Ulloa Viva fixo desde A Estrada un chamamento a participar “masivamente” na “manifestación nacional histórica” que o vindeiro 15 de decembro percorrerá da Alameda até a Praza do Obradoiro ao berro de “A Xunta non pode calar a todo un país”. Marta Gontá amosouse na Estrada convencida de que “imos parar esta macrocelulosa de Altri-Greenalia” e asegurou que “ao final o presidente da Xunta terá que acabar por darnos á razón aos veciños e veciñas e deixar de defender os intereses dos cartos duns poucos contra todo un país”.
Impacto socioeconómico da macrocelulosa
Na Estrada onte participou na charla o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago (USC), Edelmiro López Iglesias, un dos autores dos informes encargados polo Consello da Cultura Galega arredor dos posibles impactos no territorio do Proxecto Gama. O profesor López Iglesias, que ten analizada polo miúdo a documentación económica presentada por Altri-Greenalia, asegurou que Altri crearía coa planta de Palas de Rei un máximo de 554 empregos directos e indirectos, que suporían 1.946 menos (a quinta parte) dos anunciados tanto pola empresa como pola Xunta de Galicia. O número de empregos directos que se crean na primeira fase estímanse "entre 161 e 281, a metade dos anunciados".
Detallou López Iglesias que a macrocelulosa "xeraría un máximo de 281 empregos directos, 343 empregos totais (directos e indirectos) nas catro comarcas da área de influencia e 544 empregos totais (directos e indirectos) no conxunto da economía galega", segundo o estudo que coordinou con varios expertos para o CCG.
Publicidade
Tamén deixou claro o profesor da USC que "os impactos indirectos beneficiarían principalmente a empresas situadas fóra de Galicia", polo que "o proxecto tería un
impacto reducido na economía galega". Segundo os cálculos dos expertos, “os impactos indirectos na economía galega limitaríanse a 0,30 euros por cada euro de produción da planta, e deles só o 25% se producirían nas comarcas da área de influencia”. Pola contra, sinalou que o impacto negativo do proxecto de Altri-Greenalia nas comarcas da Ulloa, Deza, Terra de Melide e Arzúa sería notable "sobre a cadea agroalimentaria, pola vía do incremento da competencia do uso forestal sobre as terras agrarias e pola desvalorización da imaxe dos produtos alimentarios da zona".
En conxunto, o proxecto reforzaría a especialización da cadea forestal-madeira de Galicia na produción de materias primas (madeira de eucalipto) e na primeira transformación (celulosa soluble). Mentres que non se perciben os seus vínculos coa cadea téxtil-confección na economía galega, que está concentrada nas fases finais.
Comments