UFD invirte case 200.000 euros na dixitalización da súa rede de distribución eléctrica en Lalín
- Laura Moure
- 22 oct 2024
- 2 Min. de lectura
Levará a cabo os traballos dende hoxe ata o venres
Laura Moure/Lalín
UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, ten prevista un investimento de case 200.000 euros na dixitalización da rede de distribución no municipio de Lalín, co obxectivo de mellorar a calidade e a fiabilidade do servizo aos seus clientes. Este investimento centrarase en innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telexestión dos puntos de subministración, no telecontrol e sensorización das redes, así como no robustecemento das infraestruturas e integración das redes de comunicación e sistemas de información coa rede convencional para optimizar a súa explotación.

Nese sentido, a distribuidora eléctrica instalará esta semana, dende hoxe, día 22, ao 25 de outubro, equipos de telexestión en 20 centros de transformación do municipio de Lalín, o que permitirá mellorar o servizo e minimizar os tempos de resposta ante calquera incidencia. En concreto, hoxe, 22 de outubro, instalaranse equipos de supervisión avanzada nos transformadores de Avda. Cruces, Os Rosais, Rúa Escaldes e Residencial Pórtico; o día 23, en Calzada, Rúa C, Cale D, Fronte Estación e Estación de Autobuses. O día 24, actuarase nos transformadores de Noceda, Lamas, A Cruz Santiso e Prado II.
Finalmente, o 25 outubro, instalaranse os equipos nas transformadores Canteiras Arenal, Donramiro, Montserrat, Rúa Romea e Agruchave.
Para a instalación destes equipos de telemedida e telexestión serán necesarios cortes de subministración eléctrica, que se realizarán de madrugada e que serán o mínimo indispensable, contorna a unhas 2 horas en cada instalación, para que as brigadas poidan traballar en seguridade nos centros de transformación. Instalaranse carteis informativos nas rúas afectadas. Para o delegado de UFD en Pontevedra, Francisco Ramos, “este novo investimento en dixitalización, que se suma aos 150.000 euros destinados á renovación parcial da rede de distribución de media tensión do núcleo urbano de Lalín, son unha proba máis do compromiso desta compañía co desenvolvemento enerxético de Lalín, xa que esta nova actuación mellorará a fiabilidade da subministración eléctrica e minimizará os tempos de resposta ante calquera incidencia no municipio.”
Publicidade
Presenza de UFD en Pontevedra e en Galicia
UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, xestiona na provincia de Pontevedra 4.800 km de rede de alta e media tensión, 11.800 km de rede de baixa tensión, 33 subestacións e 5.000 centros de transformación, e dá servizo a máis de 515.000 puntos de subministración. En Galicia, dá servizo a case 1,6 millóns de puntos de subministración en 286 municipios das catro provincias galegas, a través dunha rede de 60.300 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión. A distribuidora eléctrica investiu 222 millóns en 2023 na dixitalización e mellora das súas máis de 60.000 quilómetros de rede en Galicia, o que supón un incremento do 60% con respecto ao ano anterior. Só no últimos cinco anos, o investimento de UFD superou os 723 millóns de euros para reforzar as súas infraestruturas en Galicia, co foco posto na mellora da calidade de servizo aos seus clientes.
O esforzo realizado pola compañía en sensorización e dixitalización das súas infraestruturas permitiu a mellora da calidade do servizo medida a través do tempo de interrupción equivalente á potencia instalada (TIEPI). O indicador que mide a calidade da subministración eléctrica, o tempo de interrupción equivalente á potencia instalada (TIEPI), sinala que a interrupción media do servizo foi de 41,1 minutos durante o ano pasado, cunha mellora do 35% no últimos cinco anos.
Comments