UCIN Galicia sitúase como alternativa política ante o novo escenario de pactos no Estado español
- ecosdacomarca

- 4 ene
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
UCIN Galicia analiza o actual contexto político estatal tras as recentes declaracións do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, e doutros dirixentes autonómicos do PP, nas que se abre a posibilidade de gobernar con Vox en comunidades autónomas, aínda que se descarte unha coalición no Goberno central.

"Estas manifestacións supoñen un cambio respecto ás posicións expresadas tras as últimas eleccións xerais, cando se defendía a opción de gobernos en solitario". Segundo UCIN Galicia, esta evolución do discurso reflicte as dificultades dos partidos tradicionais para manter estratexias estables nun escenario político cada vez máis fragmentado.
Publicidade
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, sinala que “este tipo de movementos evidencian o esgotamento dun modelo político baseado en bloques pechados e en acordos condicionados polas circunstancias electorais”. Calo apunta que “Galicia non é allea a este contexto e precisa opcións políticas que non dependan de pactos con formacións situadas nos extremos nin de decisións adoptadas fóra do territorio galego”.
Neste marco, UCIN Galicia preséntase como unha alternativa política en Galicia, cun "proxecto propio, centrado na estabilidade institucional, na coherencia programática e na defensa dos intereses da cidadanía galega desde unha posición moderada e transversal".
Publicidade
Desde UCIN Galicia indícase que o momento político actual abre un debate necesario sobre o futuro da gobernanza, o papel das comunidades autónomas e a necesidade de reforzar opcións que contribúan á responsabilidade pública e á claridade nas decisións políticas. UCIN Galicia continuará facendo seguimento da evolución do escenario político
estatal e autonómico, reafirmando o seu papel como alternativa no panorama político galego.








Comentarios