top of page

Troitiño presentará a súa candidatura á presidencia da FGA avalado por 51 dos 64 novos asambleístas

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

O lalinense afirma "en todo o equipo estamos moi agradecidos por este respaldo aínda máis contundente, que confirma os desexos de cambio e que reforza as gañas que temos de comezar a traballar canto antes"


Ecos da Comarca/Deza

O candidato de Xeración- RenovaFGA á presidencia da Federación Galega de Automobilismo (FGA), o lalinense Antonio Rodríguez Troitiño, presentará antes do vindeiro martes a súa candidatura tras recompilar o aval de 51 dos 64 novos asambleístas, é dicir, dous máis que os votos obtidos o pasado 27 de novembro na elección dos membros da Asemblea Xeral.

Troitiño co programa electoral.

“En todo o equipo estamos moi agradecidos por este respaldo aínda máis contundente, que confirma os desexos de cambio do automobilismo galego e que reforza as gañas que temos de comezar a traballar canto antes”, indicou, antes de precisar que o calendario electoral determina que a toma de posesión do novo presidente non será ata o día 8 de febreiro.


Ademais, Troitiño lembrou que o regulamento e o calendario electoral establecen que ata o 20 de decembro aínda poden presentarse outras candidaturas e, de ser así, os asambleístas votarían para elixir o novo presidente o 22 de xaneiro de 2023: “Somos conscientes de que hai rumores, movementos e chamadas, pero unha vez vista a composición da Asemblea e o número de avais que xuntamos, a aparición doutra candidatura de última hora pareceríame ilóxica, extemporánea e teño claro que neste

momento non buscaría o ben do automobilismo galego, se non que perseguiría outros

fins menos claros”.


Transición “non tan tranquila”

Rodríguez Troitiño tamén lamentou que a “transición tranquila” desexada por Iván Corral o pasado 29 de novembro tras o reconto do voto por correo estea a ser “non tan tranquila como sería desexable”. Ao respecto, cuestionou “algunhas decisións” que se seguen a tomar desde a federación en relación con aspectos organizativos da vindeira tempada, así como “o feito de que se sigan a enviar neste período de transición burofaxes supostamente relacionados coas propostas de inhabilitación promovidas polo presidente saínte”.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

“Mensaxe de tranquilidade”

Por último, Antonio Rodríguez Troitiño quixo lanzar unha “mensaxe de tranquilidade” a todas as escuderías e deportistas respecto ao comezo da nova tempada e garantirlles que, se antes do vindeiro martes non se presentan máis candidaturas, comezará a manter reunións con todas as partes implicadas incluso antes da toma de posesión o día 8 de febreiro para “gañar tempo e ir avanzando coas melloras que se poidan aplicar desde o primeiro momento”.

0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page