Asegura que “o presidente inhabilitado segue a manexar os fíos da federación con total impunidade e pretende limitar o dereito ao voto en 2022 unicamente aos posuidores da nova Licenza Autonómica de Galicia-Exclusiva”
Laura Moure/Lalín
O voceiro do grupo RenovaFGA, presidente da Escudería Lalín-Deza e futuro candidato á presidencia da Federación Galega de Automobilismo (FGA), Antonio Rodríguez Troitiño, denuncia publicamente que “o presidente inhabilitado da FGA, Iván Corral, está a cociñar coas licenzas para participar nas probas autonómicas de Galicia un auténtico pucheirazo nas eleccións que a FGA celebrará en 2022”.
Troitiño, no centro, o día da presentación do proxecto RenovaFGA.
Rodríguez Troitiño considera “inaudito” que nos Regulamentos Particulares de diferentes probas que figuran no calendario do Campionato de Galicia de Rallyes 2021 a FGA explicite que “a licenza que dá dereito a voto e ser elixible nos procesos electorais da Federación Galega de Automobilismo é a Licenza Autonómica de Galicia Exclusiva” e engada que “a Licenza Autonómica Única-Estatal non dá ningún dereito a voto nin outorga a condición de elixible nos procesos electorais da Federación Galega de Automobilismo”.
O presidente da Escudería Lalín-Deza lembra que tanto no Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que establecía os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais nas federacións deportivas galegas, como no propio Regulamento Electoral da FGA que rexeu as eleccións de 2018 sinalábase que para ser electores e elixibles á Asemblea Xeral era preciso “ter licenza federativa en vigor na data de convocatoria das eleccións e tela tido desde o primeiro semestre do ano anterior ao de celebración das eleccións”.
Para Rodríguez Troitiño, este “repentino cambio de criterio” da FGA responde a “unha nova operación de Iván Corral para tratar de privar do dereito ao voto a pilotos e escuderías que non comulgan coas súas rodas de muíño”. “O grave desta manobra electoral é que estaríase a obrigar a moitos pilotos e a algunhas escuderías que queiran exercer o seu dereito ao voto a incorrer nun gasto adicional en licenzas, mentres Iván Corral segue a comprar vontades ofrecendo licenzas gratis a outros pilotos e escuderías afíns”, critica o voceiro de RenovaFGA.
“Os pilotos que precisen a licenza Estatal estarían obrigados a tramitar tamén a de Galicia-Exclusiva; neste caso poderían pedir esta primeiro e estendela a estatal asumindo o sobrecusto dos gastos de tramitación e envío. Pero se nalgunha escudería hai pilotos que participen no Campionato de Galicia de Rallyes e en probas nacionais, non existe a posibilidade de extensión da licenza e, polo tanto, estarían obrigados a pagar integramente as dúas”, explica Troitiño.
Intervención da Secretaría Xeral para o Deporte
Ante esta situación, Rodríguez Troitiño solicita a intervención da Secretaría Xeral para o Deporte para “aclarar desde xa” que a Licenza Autonómica Única-Estatal tamén será válida para votar nos comicios da FGA de 2022. “Temos constancia de que o presidente inhabilitado Iván Corral segue a asistir e intervir en reunións en representación da FGA, incluso en reunións coa participación dalgún alcalde, e cremos que a Secretaría Xeral para o Deporte non pode permanecer á marxe dun incumprimento tan flagrante da súa inhabilitación”, salienta.
“Desde RenovaFGA imos pelexar ata onde faga falla para acabar coas presións, as ameazas e a discriminación ás que a actual dirección da FGA está a someter a diferentes escuderías e pilotos polo simple feito de discrepar”, avisa Antonio Rodríguez Troitiño.
Comments