Os obxectivos desta actividade son reforzar os valores educativos medioambientais; aprezar os valores arredor do Furelos e coñecer a bacía do Furelos e os seus afluentes
Laura Moure/Melide
A Asociación de Troiteiros Río Furelos de Melide continúa coa súa rolda de coloquios polos
centros públicos de Melide. Os obxectivos son reforzar os valores educativos medioambientais; aprezar os valores arredor do Furelos e coñecer a bacía do Furelos e os seus afluentes.
Desta volta aconteceu esta achega no C.P Mestre Pastor Barral (antigo C.P. Nº 3) o pasado 22 de novembro. Participou o alumando de 3º,4º, 5º e 6º de Primaria que abranguen idades de entre 6 e 12 anos.

"No Salón de Actos no que se realizou esta actividade estaba engalanado cun precioso mural no que se proxectaban fotografías de distintos momentos dos traballos desenvolvidos arredor do Furelos. E no centro da colaxe un GRAZAS enorme con dous corazóns verdes!! Este ano tivo unha especial referencia o desastre acontecido no canal do río Furelos a altura da Tosta o pasado 26 de xuño, sen esquecérmonos das Xornadas de limpeza nos ríos Furelos, Martagona e Catasol e os labores de recollida, reconto e medida das especies mortas no desastre ecolóxico no río Catasol", explica a asociación.
O coloquio foi conducido polo vogal de Medio Ambiente e Actividades, Manuel Pardo Gómez, e polos presidente da asociación, Xavier Pazo Blanco. "Após dunha exposición audiovisual, os alumnos e alumnas realizaron preguntas e deitaron opinións polo desastre e as súas consecuencias. Asemade expresaron o seu interese en participar nas vindeiras xornadas de limpeza do Furelos que, como xa é sabido, vimos realizando desde o ano 2005. Até aí a crónica máis ou menos completa dun acto".
Publicidade
Porén, desta volta, sinala o colectivo, "atopámonos cunha implicación por parte do profesorado e do alumnado que gostamos de subliñar para que sexa coñecida pola opinión pública. Non foi só o mural ( co traballo e implicación que supón a súa elaboración) se non que unha vez finalizado o coloquio unha representación dos alumnos e alumnas de cada curso recitaron o poema O río do poeta Manuel María. Finalmente fixeron entrega dun diploma no que o CEIP Mestre Pastor Barral concede unha MENCIÓN HONORÍFICA ao presidente da Asociación polo “encomiable labor no respecto, coidado e protección do rÍo Furelos” (mención que se fai extensíbel os socios, colaboradores e voluntarios".
"Desde a Asociación queremos trasladar o noso agradecemento os e as profesores e os alumnos e alumnas polo cariño co que fomos recibidos e convidalos a que non se esquezan de que o Furelos e os seus tributarios son as veas polas que circula o noso pasado e alimentan o noso futuro que nos esixe parar as agresións e devolverlle a saúde que lle tiramos".
Comments