Troiteiros Río Furelos de Melide recolle 300 quilos de lixo nas XXI Xornadas de Limpeza deste río
- Laura Moure

- 17 sept 2025
- 2 Min. de lectura
Este ano, alén dos obxectivos medioambientais e concienciación cidadá, sumou un novo: o do coidado do noso patrimonio cultural
Laura Moure/Melide
A Asociación de Troiteiros Río Furelos de Melide finalizou o pasado 13 de setembro as xornadas de limpeza que desde hai 21 anos realiza. Este ano, alén dos obxectivos medioambientais e concienciación cidadá, sumou un novo: o do coidado do noso patrimonio cultural .

O 30 de agosto deuse inicio a esta limpeza no tramo de 3 quilómetros que vai desde A Ponte de Fraga en Toques ata a ponte da Pedra e continuou coa segunda xornada o 6 de setembro dende A Ponte da Pedra ata a Ponte Mazaira (3 km): "retirar árbores caídas que provocan desbordamentos do río e latas, plásticos e outros elementos que, a pesar das campañas de concienciación cidadá levadas a cabo, aparecen como unha ladaíña todos os anos. O lixo tirado do rio chegou os 300 kg", lamenta o colectivo.
Porén, este ano, apunta, "houbo un aspecto a subliñar: a retirada dunha roda de camión e outra de coche! Por máis veces que procuramos achar unha explicación a este feito, non demos con ela. Que cabeza pode estar detrás da decisión de botar ao leito do río unha roda de camión e a dun coche?", pregúntase a asociación.
PUBLICIDADE
A terceira xornada 3 km Ponte Mazaia ata Furelos, levouse a cabo o pasado día 13. "Para nós supuxo un momento emocionante a limpeza da ponte medieval de Furelos porque nos aportou un profundo sentimento de solidariedade, de comuñón, co noso patrimonio cultural. A ponte está aí, leva estando aí, acompañándonos desde hai séculos. E está aí porque mantén unha relación amigábel co Furelos. Abraza ao Furelos... e proxecta o nome de Melide polo mundo. O seu estado era lamentábel e puña en evidencia o desinterese das distintas administración pola conservación do patrimonio cultural. Non era difícil observar que tres, dos catro ollos da ponte, estaban tupidos pola maleza, taponados por árbores caídas e unha bouza que impedía os visitantes tirar unha foto ou, simplemente, contemplala na súa totalidade desde o miradoiro. Alén destas consideracións, ese entupimento, en caso de enchente ou coa repetición destas, podería provocar danos moi graves na estrutura da mesma", recalca esta entidade.
PUBLICIDADE
Por último, a asociación quere expresar "o noso agradecemento a todas as persoas, empresas e institucións que colaboraron connosco: Concello de Melide, Consellaría de
Medio Ambiente e Deputación de A Coruña".
NOTICIAS RELACIONADAS:
200 quilos de lixo recollidos no primeiro día das XXI Xornadas de Limpeza Río Furelos:https://www.ecosdacomarca.com/post/200-quilos-de-lixo-recollidos-no-primeiro-d%C3%ADa-das-xxi-xornadas-de-limpeza-r%C3%ADo-furelos
100 quilos de lixo recollidos no segundo día das XXI Xornadas de Limpeza Río Furelos: https://www.ecosdacomarca.com/post/100-quilos-de-lixo-recollidos-no-segundo-d%C3%ADa-das-xxi-xornadas-de-limpeza-r%C3%ADo-furelos








Comentarios