Ecos da Comarca/Melide
Os servizos de emerxencia tiveron que intervir esta madrugada nun accidente na estrada N-547, en Melide, no que resultaron feridas tres persoas e unha delas precisou ser excarcerada.
Arredor das cinco e media da madrugada, un particular púxose en contacto co 112 Galicia para indicar que se acababa de producir un sinistro na N-547, ao seu paso pola parroquia de San Mamede do Barreiro. Nesta comunicación, o alertante sinalaba que había un coche volcado e que comezaba a arder.
De xeito inmediato, os xestores do CIAE-112 Galicia deron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, aos Bombeiros de Arzúa, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil de Melide.
Xa no lugar, os bombeiros procederon a excarcerar a un dos ocupantes do vehículo e informaban ao 112 Galicia de que o coche estaba dividido en dúas partes. Ademais, engadían que unha das partes estaba incendiada pero, afortunadamente, os tres ocupantes estaban na outra e non resultaron danados polo lume.
Finalmente, os servizos sanitarios confirmaron que os tres ocupantes do vehículo foran trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Comments