O obxectivo é impulsar actuacións de accesibilidade
Ecos da Comarca/Lalín
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres o reparto de 115.000 euros do novo programa Pontevedra, provincia +inclusiva para que 19 entidades sen ánimo de lucro de 13 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes poidan impulsar actuacións de accesibilidade. Destas figuran tres entes de Lalín.
López explicou que o programa busca promover condicións de seguridade e autonomía para as persoas, co fin de que “poidan desenvolver as actividades da vida cotiá sen restricións, ter unha participación activa na sociedade e usar e desfrutar os espazos e os recursos”.
As 19 entidades sociais, que proveñen de Bueu, Crecente, Lalín, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Tomiño, Tui e Vilagarcía de Arousa recibirán achegas de entre 400 e 10.000 euros que lles permitirán financiar os gastos derivados das obras de acondicionamento, reforma o ampliación de espazos accesibles, redaccións de memorias de proxectos de accesibilidade ou a adquisición de sistemas inclusivos de comunicación ou axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal, como poden ser camas articuladas, cadeiras de rodas ou grúas, entre outras.
En concreto, a Asociación Parkinson de la provincia de Pontevedra (Bueu) recibirá 10.000 €; o Colexio Nuestra Señora de Fátima en Creciente Esclavas de la Virgen Dolorosa (Crecente) 8.778 €; a Asociación ASPADEZA (Lalín) 1.364 €; a Asociación para la Protección de los Ancianos de Lalín y Comarca (Lalín) 4.474 €; a Asociación Rapaces/zas e Amigos/as con Necesidades Especiais (Lalín) 410 €; AFAMO (Moaña) 7.850 €; a Casa Santa María de la Esperanza Esclavas Virgen Dolorosa (Mos) 8.847 €; a Asociación Benéfica Social de Padres y Amigos La Esperanza del Valle Miñor (Nigrán) 4.542 €, e a Asociación de Padres de Personas con Discapacidad Intelectual de Vigo -ASPAVI (Pazos de Borbén) 8.577 €.
Publicidade
Ademais, a Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta (Ponteareas) recibirá 2.887 €; Dar Más (Ponteareas) 1.248 €; Aceesca - Asociación de Apoyo a Personas con Diversidad Intelectual (O Porriño) 10.000 €; a Asociación Lenda de Saúde Mental (Redondela) 5.998 €; a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade (Tomiño) 1.691 €, e a Congregación Hermanas Franciscanas Hospitalarias (Tui) 5.215 €. Por último, son catro as entidades benéficas de Vilagarcía de Arousa as que contarán con achegas desta convocatoria: a Asociación Autismo BATA con 8.353 €, Dalle que Dalle Sociedade Cooperativa Galega con 4.334 €, a Fundación Lar Pro Salud Mental con 10.000 € e a Fundación Residencia Divina Pastora con outros 10.000 €.
Commentaires