Tres emprendedoras da Ulloa participarán o día 22 na Feira de Artesanía e Produtos Lucenses
- Laura Moure
- 18 jun 2024
- 2 Min. de lectura
Falamos de Muuhlloa de Monterroso e Tataraboas e Naturantas, de Antas de Ulla
Laura Moure/ A Ulloa
A Deputación de Lugo organiza para este sábado, 22 de xuño, unha Feira de Artesanía e Produtos Lucenses, xunto á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR). Esta cita, que terá lugar na rúa Cardenal de Monforte de Lemos a partir das 11:00 horas durante todo o día, reunirá a 13 emprendedoras rurais, entre elas tres da Ulloa, que darán a coñecer entre as persoas asistentes os seus produtos, servizos e negocios asentados no rural da provincia.

Concretamente, neste evento, que se enmarca dentro da programación de E para vivir Lugo, situaranse 13 stands de empresas lideradas por mulleres nas que os veciños e veciñas poderán degustar diferentes produtos artesanais como galletas e marmeladas artesanais ou embutidos porco celta. Ademais, tamén haberá diversos negocios de cerámica, cremas, aceites ecolóxicos e unha actuación musical en directo a partir das 17:00 horas.
Publicidade
As emprendedoras que participarán neste evento son: Ceniza de Papel de Lugo, Galletas Xianas de Taboada, Tres Caracoles de Lugo, Caurelor de Quiroga, Muuhlloa de Monterroso, As Coruxas de Foz, Tataraboas de Antas de Ulla, Celtagal de Mondoñedo, Naturantas de Antas de Ulla, Fusaiola de Vilalba, Lucecús de Guitiriz, Aceites Figueiredo de Ribas de Sil e Sacrapastas de Chantada.
Publicidade
E para vivir Lugo
A institución provincial organiza esta Feira dentro da programación de E para vivir Lugo, unha iniciativa que puxo en marcha a Deputación con fondos europeos para afrontar o reto demográfico. Este proxecto, con 300.000 euros de orzamento, contempla 12 liñas de actuación, como a creación de oficinas para atraer poboación ao rural e atender aos novos residentes, ou as axudas para a diversificación dos cultivos, entre outras accións.
Comentários