“Treides Comigo!” de Xoán Curiel en Carboeiro incorpora unha visita guiada este sábado día 11
- Laura Moure

- 8 oct
- 2 Min. de lectura
A xornada combinará patrimonio, historia e música con pezas de Afonso X O Sabio
Laura Moure/Silleda
O vindeiro sábado 11 de outubro, o Mosteiro de Carboeiro converterase nun escenario privilexiado para gozar dunha completa experiencia cultural que unirá patrimonio, historia e música. A partir das 17:30 horas terá lugar unha visita guiada ao Mosteiro de Carboeiro, na que se abordará a influencia de Afonso X O Sabio neste espazo monumental, así como a presenza e importancia da música no templo. Esta actividade servirá de enlace perfecto co programa posterior, ofrecendo unha ollada á época medieval e á relación entre o monarca e o edificio patrimonial silledense.
Ás 18:00 horas, chegará o turno do concerto “Treides Comigo!”, o innovador proxecto artístico de Xoán Curiel en Banda, que propón unha viaxe musical arredor da lírica medieval galego-portuguesa. O espectáculo, promovido por Turismo de Galicia coa colaboración do Concello de Silleda, convida a redescubrir as cantigas dos séculos XII ao XIV cunha mirada contemporánea, combinando tradición e modernidade.

Para esta ocasión, o concerto incluirá, entre outras pezas, dúas cantigas do propio Afonso X O Sabio: “Senhor bem cousida” e “Pero da Ponte”, ofrecendo así unha proposta que dialoga directamente coa temática da visita guiada e co patrimonio musical e histórico do mosteiro.
Xoán Curiel estará acompañado de destacadas e destacados músicos procedentes da música clásica, do folk, das músicas do mundo e do jazz: Iris Gey (voz), Bleuenn Le Friec (harpa clásica), Carlos Freire (percusións), Bea López (clarinete) e Álex Salgueiro (frauta traveseira).
Publicidade
Dende a súa estrea, “Treides Comigo!” recibiu unha excelente acollida en escenarios galegos, estatais e internacionais, con actuacións en espazos emblemáticos como a Igrexa de Bonaval en Compostela (TradFest), o Teatro Rosalía de Castro da Coruña (Premios Opinión 2024), o Festival de Teatro Clásico de Almagro, o Castelo de Vimianzo (Ciclo Espazos Sonoros), o Museo do Mar de Galicia en Vigo ou o Salón Nobre de Braga (Portugal).
O Concello de Silleda anima ao público a participar nesta xornada única, que combina divulgación, arte e música nun dos enclaves máis fermosos e simbólicos do municipio. A entrada é de balde.







Comentarios