Estas actividades, que desenvolve o Concello de Silleda como parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, terán lugar no Centro Cultural Vista Alegre

Marisa Miguélez pintando durante esta iniciativa.
Laura Moure/Silleda
O vindeiro sábado día 17 de abril terá lugar a inauguración da exposición Trasdeza Pinta o Camiño, resultado da xornada de pintura en vivo realizada o pasado mes de marzo no marco do proxecto co mesmo nome que promove o Concello de Silleda. A iniciativa se enmarca no programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, que achegou algo máis de 9.000 euros para o desenvolvemento do conxunto de actos.
A mostra conta con seis obras que recollen os enclaves culturais e naturais da Vía da Prata e do Camiño de Inverno que foron seleccionados polos escolares dos centros educativos silledenses, e que artistas silledenses comezaron durante unha xornada de pintura en vivo. Os artistas participantes na mostra son Vanessa Barcala, David Bibián, Amalia López, Juan Liñares, Marisa Miguélez e Adrián Penido, que recollen baixo diferentes técnicas e estilos o entorno do Camiño.
Horarios
A exposición, que será itinerante, estará no Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira dende o día 17 de abril ata o 17 de maio; na Casa de Cultura de Silleda dende o 18 de maio ata o 18 de xuño; e na sala de exposicións do Mosteiro de Carboeiro dende o día 21 de xuño ata o 25 de xullo.
O acto de inauguración terá lugar ás 12:00 horase será de acceso restrinxido por mor das medidas de prevención socio-sanitarias.
A continuación ás 13:00 horas terá lugar o Foro de Pintura de Trasdeza, un espazo máis técnico, onde os artistas participantes, así como as persoas que estean interesadas no eido da creación e da pintura, poderán compartir experiencias e inquedanzas entorno ás oportunidades existentes no sector, como o Camiño como porta ás experiencias artísticas, as dificultades de posicionamento dos artistas ou boas prácticas e iniciativas posibles.
O acceso ao foro será libre ata completar aforo.
Comentarios