Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Traballadores/as do sector concéntranse en Lalín contra "o acoso laboral en Ambulancias Quiroga"

A CIG informa que as mobilizacións continuarán mentras non rematen as presións e se repoñan as condicións laborais


Ecos da Comarca/Lalín

Traballadores e traballadoras do sector de ambulancias concentráronse este venres diante do Centro de Saúde de Lalín para apoiar os seus compañeiros e compañeiras da base do 061 nesta vila e para denunciar as presións constantes e os incumprimentos desde que Ambulancias Quiroga se fixo cargo da concesión no lote da área sanitaria de Santiago. A mobilización, convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), é a primeira que se produce tras varios intentos de reunirse co empresario para buscar unha solución, ao que este se ten negado, tal e como indica este sindicato.

A concentración este venres en Lalín.

Autor: CIG


"Hai agora un ano xa se orixinara un conflito polo intento do empresario de aplicar un despido encuberto ao non facilitarlle o cambio de posto de traballo ao delegado de persoal da CIG, tras un problema médico. E desde o inicio da concesión, a falta de atención e profesionalidade fixo que foran os propios traballadores/as quen tiveran que organizarse entre si para cubrir as baixas, limpar a base ou conseguir uniformes para as novas contratacións", sinala.


"A empresa fracciona as nóminas, nega licencias e cambia xornadas"

Agora, denuncian que levan meses con atrasos nos pagos ao dividirlle unilateralmente a empresa a nómina en varios prazos. "Ademais dende hai meses o persoal non recibe as nóminas polo que non as pode comprobar; son varias as traballadoras ás que non se lle abonaron as pagas (entre elas, todo o persoal eventual); hai unha negativa reiterada a dar as licencias ás que teñen dereito polo convenio colectivo; prodúcense cambios de xornada ou falta de entrega de uniformidade, e así todo tipo de incumprimentos laborais, o que provocou que a situación sexa xa insostible", asegura.


O persoal denuncia tamén que na base que buscou o empresario, a ambulancia non colle no garaxe e as desinfeccións téñense que facer na vía pública "e tampouco se limpa a base onde pasan, en quendas, boa parte da xornada laboral".


Non obstante, a representación social advirte que, ao mesmo tempo que se despreocupa das condicións laborais e de calidade do servizo, "o empresario dedícase a controlar e presionar os traballadores/as durante a xornada laboral, presionando para que, por exemplo, aumenten a velocidade ou para que non se desinfecte a ambulancia entre servizo e servizo".


Denuncian que neste sector "se instalaron empresas piratas que, no que é un servizo público, só buscan o seu beneficio recortando en dereitos para os traballadores e traballadoras e na calidade asistencial. Ambulancias Quiroga é un exemplo desta maneira de proceder porque entende o transporte sanitario como se fora transporte de mercadorías", sinalan.


Responsabilidades da administración

Precisamente, isto ten provocado que en diversas ocasións os grupos municipais no Concello de Lalín se teñan posicionado sobre as deficiencias con esta ambulancia e coa ambulancia de apoio, que tamén é responsabilidade desta empresa. Un vehículo que, apuntan, en moitas ocasións nin sequera está operativo, o que xa ten ocasionado moitos problemas pola falla de asistencia na comarca de Deza e onde ademais as condicións de traballo "autenticamente son penosas".


Por todo isto, os representantes dos traballadores e das traballadoras pedirán responsabilidades ao 061 e ao Sergas, titulares da concesión, para que tomen cartas no asunto contra este tipo de empresas xa que lles corresponde á administración realizar o control de calidade e que se cumpran os pregos de condicións neste servizo do transporte sanitario urxente.


Finalmente, o persoal xa anunciou que continuará coas mobilizacións e que xa está buscando data para realizar unha manifestación en Chantada, localidade de onde é o empresario, Manuel Calvo, para denunciar esta situación inaceptable.


26 vistas0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE