Touro promove un club de lectura feminista no que se aborda distintas temáticas da actualidade
- Laura Moure
- 16 mar
- 3 Min. de lectura
O Concello de Touro promove un club de lectura feminista no que se aborda distintas temáticas da actualidade
Laura Moure/Touro
O Club de lectura feminista de Touro iniciou a súa andaina desde o mes de outubro de 2024, na Sala de Lectura Municipal “Xosé Neira Vilas” de Touro, no marco da celebración do día Internacional das Mulleres Rurais. Este Club é organizado pola Técnica de Igualdade do Concello e a Bibliotecaria da Sala, sendo dirixido a público maior de 16 anos. As sesións programáronse quincenalmente en día venres, de 18:30 a 19:30 horas. Con todo, este período estendeuse a partir do ano en curso, programándose cada 3 semanas sempre en día venres, a fin de ter o tempo suficiente para terminar as lecturas. Iniciouse con tres persoas, pero o número foise incrementando aos poucos, de maneira que ata a data, cóntase con oito persoas rexistradas, entre mulleres e homes.

Os libros seleccionados dentro do Club foron elixidos por maioría polas mesmas persoas rexistradas, de entre as posibilidades de préstamos que existen para cada sesión ofertados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, excepto a primeira lectura, mentres se anotaba as persoas lectoras. Nas 7 sesións celebradas, léronse os seguintes libros:
a) Terra de Mujeres. Unha mirada íntima ás vivencias das mulleres rurais, de María Sánchez (2019). Ensaio.
b) Unha presa de terra: un caso de Ana Candeán, de Marilar Aleixandre (2022).
Ficción.
c) Cobiza, de María Reimóndez (2021). Ficción.
d) Pan de Limón con sementes de mapoula, de Cristina Campos (2018). Ficción.
e) Senlleiras, de Antía Yañez (2018). Ficción,
f) Non penses nun elefante rosa, Antía Yañez (2022). Ficción.
g) A vida das mulleres, de Alice Munro (2014). Ficción.
Publicidade
Nas sesións analízase a temática en xeral de cada un dos libros, e debúllanse as personaxes de cada lectura desde unha perspectiva de xénero, a diversidade e os modelos presentados en cada un deles, a súa comparación e reflexo na sociedade
local. As temáticas de cada libro tocaron varios aspectos de gran actualidade, como
son: a violencia de xénero; a saúde mental; a diversidade sexual e a interseccionalidade das discriminacións; os dereitos humanos; a superación dos estereotipos de xénero; e a especificidade da problemática feminina das mulleres rurais. En suma, a sororidade de mulleres e homes que buscan ter unha sociedade na que poidan exercerse os dereitos en igualdade de oportunidades reais para todas as persoas, sen discriminación algunha.
Publicidade
As sesións do Club son un espazo de encontro, de coñecemento mutuo, de compartir experiencias propias e opinións sobre os temas, estreitando os lazos comunitarios entre as e os asistentes. Trátase dunha aprendizaxe compartida do pasado, presente e futuro das relacións de xénero, partindo das situacións de ficción ou non ficción presentadas nos libros e as vivencias propias de cada persoa. Nun espazo relaxado e próximo púidose mesmo degustar a sobremesa que daba nome a un dos libros lidos por cortesía dunhas das lectoras. Un punto de encontro aberto sempre para calquera persoa, mesmo de fóra do concello, que queira unirse a esta experiencia tan enriquecedora e que cada vez foi a máis. As inscricións poden facerse vía telefónica, chamando ao Concello, ou ben escribindo ao correo electrónico da biblioteca: bibliotecadetouro@escueladetalento.es
Commentaires