Laura Moure/Touro
O Concello de Touro habilitou durante os últimos meses varias sendas peonís en distintos puntos do municipio para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria dos veciños. O equipo de traballadores municipais construíron unha senda en Andeade, de arredor de 100 metros, que tamén arranxa a canalización de aguas. Tamén habilitaron outra na localidade de Vilanova, na parroquia de Beseño, de arredor de 150 metros de lonxitude. Outra das actuacións executouse en Rilo, na parroquia de Calvos. Esta senda conta cunha lonxitude de 250 metros.
A localidade de San Pedro, na parroquia de Ribeira, tamén dispón dunha nova de 100 metros. "A maioría destas actuacións, ademais de mellorar a mobilidade e accesibilidade dos veciños e veciñas e a súa seguridade viaria, tamén serven para mellorar a canalización das augas e evitar asolagamentos", apunta o Concello.
Estas obras, executadas con fondos propios, atenden tamén as demandas dos veciños das diferentes zonas onde se fixeron as actuacións. As obras comezaron no inicio do verán e están sendo rematadas nestas semanas.
Comments