The Monkey, a curta candidata aos premios Goya proxéctase este venres en Arzúa
- Laura Moure
- 17 dic 2021
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que, dentro da programación de Nadal 2021-2022, este venres, 17 de decembro, terá lugar na Capela da Madanela a presentación e proxección da curtametraxe The Monkey.

Dirixida por Xosé Zapata e Lorenzo Degl ́Innocenti acadou recentemente a candidatura á
mellor curta de animación na 36ª edición dos premios Goya. Nesta produción, de 17 minutos de duración, a historia sitúanos no 1588 cando un náufrago da Armada Invencible enviada por Felipe II desde Lisboa para conquistar Inglaterra é capturado nunha praia de Irlanda. Alí é xulgado, declarado culpable e aforcado ata a súa morte.
Todo sería moi razoable seguindo as leis da guerra e o odio entre os seres humanos, o
problema é que o prisioneiro é un mono. Xosé Zapata e Lorenzo Degl ́Innocenti son amigos dende o ano 2009 cando Zapata coproduce a curtametraxe de animación Desassossego dirixida por Lorenzo. Máis de dez anos despois seguen sendo amigos e dirixiron xuntos The Monkey.
O acto, que comezará ás 21:00 horas, celébrase grazas ao apoio da Deputación da Coruña. O acceso será libre e o aforo limitado.
Comments