O sábado realizarase un cribado en Silleda
![](https://static.wixstatic.com/media/0216be_216139ffaa364b6c96546992d4b739b8~mv2.png/v1/fill/w_980,h_510,al_c,q_90,usm_0.66_1.00_0.01,enc_auto/0216be_216139ffaa364b6c96546992d4b739b8~mv2.png)
Gráfico: IRS
Laura Moure
O freo de casos de coronavirus está aínda lonxe. Dos 17 municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa só en tres houbo un descenso de casos con respecto a onte e o número mantense en outros seis. Todos estes proceden da información do Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou de fontes municipais, pero hai que ter en conta que os datos poden mudar dunhas horas para outras.
Na comarca arzuana, Arzúa pasou de 47 a 39, mentres que O Pino (39) ascendeu en seis, se se compara con fai 24 horas. Boimorto e Touro mantéñense con 12 e 21, respectivamente.
En Deza as cifras son iguais en Rodeiro, con dous casos activos, e en Agolada, con 29. Sen embargo, como acaba de informar o concelleiro de Sanidade agoladés, Marcos Galego, hai cinco persoas hospitalizadas, unha máis ca onte. En Dozón hai só un caso positivo. Houbo un ascenso na capital dezana con 65 positivos, xa que onte eran 63, e Vila de Cruces chega aos 47, tras superar os 43. Pero á cabeza nestas catro comarcas está Silleda con 118 positivos detectados nas dúas últimas semanas. O Concello indica que houbo altas nas pasadas xornadas, pero rexistráronse novos contaxios. A área sanitaria de Santiago confirmou esta tarde que o sábado levarase a cabo un cribado en Silleda, citando vía mensaxe a 720 persoas de entre 31 e 50 anos. O Concello, tal e como informa, colaborará co persoal do centro de saúde nas tarefas de organización da xornada.
Na comarca Terra de Melide é onde se pode falar dos mellores datos. En Melide descende en cinco, con respecto a onte, e queda con 74 e en Sobrado dos Monxes pasou de 11, a estar entre 1 e 9. Mentres, Santiso e Toques continúan entre 1 e 9.
Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, tamén segue entre 1 e 9 casos; Monterroso ten 11, un máis que hai 24 horas e Palas de Rei pasou de 48 a 54. De feito, o alcalde de esta localidade, Pablo Taboada, está en cuarentena por estar en contacto cun positivo.
Comments