Teresa Rodríguez, matrona silledense, (in) visible do mes de agosto
- Laura Moure

- 26 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, a través da Concellería de Igualdade, vén de nomear como (In)visible do mes de agosto a Mª Teresa del Carmen Rodríguez Silva, matrona xubilada e veciña de Manduas, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Obstetricia, o vindeiro 31 de agosto.

Nada en Manduas en 1943, Teresa descubriu a súa vocación pola medicina xa de nena, acompañando ao seu pai, que era médico. Tras estudar na Facultade de Medicina de Santiago e especializarse como matrona na Maternidade de Santa Cristina en Madrid, iniciou a súa traxectoria profesional en Vigo, no Hospital Almirante Vierna, antes de trasladarse a Silleda, onde exerceu como matrona dende 1968 ata a súa xubilación no ano 2008.
Publicidade
Durante décadas, foi unha figura clave na atención ao nacemento de centos de nenos e nenas de Silleda e da contorna. Nos seus comezos asistía partos nas casas, en condicións moi precarias, sen luz eléctrica ou con dificultades de acceso. Posteriormente, desenvolveu a súa labor no ambulatorio da vila, mellorando os medios dispoñibles, e cara ao final da súa carreira o seu traballo centrouse sobre todo na preparación ao parto, cando as mulleres xa acudían a hospitais de referencia.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, e a concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, destacan que Teresa Rodríguez representa” a dedicación, entrega e vocación dunhas mulleres profesionais que foron esenciais para garantir o dereito á saúde e ao coidado das mulleres e crianzas durante décadas”. “Teresa axudou a nacer a moitas xeracións de silledenses”, indica Paula Fernández.
Publicidade
Con este recoñecemento, o Concello de Silleda, no marco do programa (in) Visibles, pon en valor unha traxectoria profesional e vital marcada polo compromiso e polo servizo público, visibilizando o papel das mulleres na historia local.








Comentarios