Teatro radiofónico como ferramenta de inclusión este sábado na Bandeira
- Laura Moure

- 16 jun 2023
- 1 Min. de lectura
Cristina Collazo, da compañía silledense A Cova das Letras, dirixirá a sesión protagonizada por alumnos da Unidade Terapéutica Educativa da prisión de Monterroso, tamén en colaboración ca Banda Recreativa e Cultural da Bandeira
Laura Moure/Silleda
O teatro como ferramenta de inclusión, polo que vén apostando o Concello de Silleda con distintas iniciativas, chega á vila da Bandeira este sábado 17 da man da compañía silledense A Cova das Letras. A actriz silledense, mestra e cabeza visible da formación, Cristina Collazo Gómez, dirixirá ante o público unha actividade de teatro radiofónico protagonizado polos seus alumnos da Unidade Terapéutica Educativa (UTE) do Centro Penitenciario de Monterroso.

Ademais da gravación de pezas teatrais en directo, o público asistente tamén poderá escoitar outras realizadas e editadas polo grupo.
Cristina Collazo leva 8 anos impartindo un obradoiro teatral no cárcere de Monterroso e esta será a primeira vez que o grupo sairá fóra para amosar o seu traballo, centrándose neste caso no teatro radiofónico.
Tamén participarán na sesión membros da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, realizando os efectos sonoros e da gravación encargarase o silledense Xes Diéguez.
“Estamos moi ilusionados con esta primeira saída dun fermoso proxecto do que levo oito anos formando parte”, indica a actriz.
Pola súa banda a concelleira de Cultura en funcións do Concello de Silleda, Mónica González, agradece a Cristina Collazo que elixira a vila da Bandeira para realizar esta primeira saída dun “proxecto que demostra unha vez máis a valía do teatro como ferramenta de inclusión, pola que seguiremos apostando “, engade.








Comentarios