A compañía escenifica a adaptación libre da Farsa de Bulubú, de Manuel María, unha parodia da dictadura franquista que atesoura varios premios María Casares
Laura Moure/Silleda
A programación cultural de Silleda continúa esta fin de semana co teatro como protagonista. Grazas ao programa Tornar ás Táboas, da Deputación de Pontevedra, chega ao auditorio municipal Manuel Dopazo unha aposta de calado da man de Teatro da Ramboia.
Este sábado día 10 ás 20:00 horas, e con entrada libre, a compañía que vén de colleitar diversos recoñecementos con esta aposta, poñerá en escea a obra O meu mundo non é deste reino’, unha adaptación libre da Farsa de Bululú de Manuel María, parodia da dictadura franquista.

Escrita en 1973, esta adaptación busca un equilibro entra a farsa de títeres orixinais e un enfoque máis histórico a través da conversa entre os dous personaxes protagonistas.
Anxo García e Fran Lareu, -cunha recoñecida traxectoria nas artes escénicas- dan vida sobre o escenario a Camilo e Tomás, os dous feirantes que levan o mesmo espectáculo, unha e outra vez polas vilas do país. Escrita por María Peinado, a recuperación do título orixinal da obra de serve tamén para proxectar o laio silenciado no seu día, extrapolando a
situación aos totalitarismos que seguen a repetirse.
Cun cógido de denuncia social, con aire de farsa negra, esta obra foi a flamante gañadora do primeiro Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, ademais de gañar dous premios María Casares: á mellor adaptación e mellor dirección.
Este espectáculo está recomendado para o público a partir de 14 anos. Dende a Concellería de Cultura, que agradece o apoio da Deputación co programa Tornar ás Táboas, anímase á veciñanza a disfrutar desta aposta escénica, unha das máis aclamadas nos últimos tempos no panorama teatral galego.
Comentarios