O Día Internacional contra a Violencia de Xénero achegará ao municipio diversas actividades organizadas dende o departamento municipal de Igualdade ao longo do mes de novembro
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda organiza, a través do do Centro de Información á Muller (CIM), dependente da Concellería de Igualdade, unha serie de actividades ao longo do mes de novembro para conmemorar o 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Deste xeito, o 18 de novembro haberá unha andaina destinada ao público xeral para visibilizar as mulleres de onte e de hoxe, que leva por nome “Camiño da igualdade”. Será un roteiro pola vila de 10:00 a 13:00 horas. É preciso inscribirse no CIM de Silleda, presencialmente, por teléfono chamando ao 986 592 037 ou por correo electrónico (cim@silleda.es)
Publicidade
O venres 24, a través da actividade “Aprendendo a previr”, repartirase un lote de libros aos centros educativos do concello (Escola Infantil A Galiña Azul, os dous CEIP, IES Pintor Colmeiro e o Colexio María Inmaculada) que traten e afronten a problemática da desigualdade por razón de sexo e a violencia machista.
Os actos do sábado 25 realizaranse na praza Siñor Afranio. Ás 12:00 horas terá lugar a concentración contra a Violencia de Xénero. Levando por título “Fagámolas visibles”, de 10:30 a 14:30 horas, haberá un stand divulgativo como campaña de sensibilización para visibilizar as violencias machistas e todos aqueles machismos invisivilizados que podemos atopar na sociedade, ademais dun photocall polo bo trato.
A escultura da muller labrega, iluminada de violeta
Así mesmo, dende o 24 ao 30 de novembro, a iluminación da rotonda da N-525 onde se sitúa o monumento á muller labrega, cambiará á cor violeta, optando un ano máis por este xesto simbólico.
Publicidade
O domingo 26, na vila da Bandeira, de 10:00 a 13:00 horas levarase a cabo a gran xincana “Igualdade Express” facendo un percorrido pola localidade con probas e retos que busquen concienciar sobre a importancia dunha sociedade igualitaria.
Por último, o mércores 29 ás 20:00 horas no salón de actos do novo Concello de Silleda representarase “Golpes”, unha obra teatral contra a violencia machista, da compañía a Antena.
Nos vindeiros días iranse detallando todas as cuestións relativas ao programa, inscricións e horarios das actividades organizadas polo departamento de Igualdade, que dirixe Ángela Troitiño.
Comments