top of page

Team Vilariño, primeiro equipo galego que disputará os oito ralis do FIA ERC

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

O piloto de Palas de Rei Luís Vilariño e o copiloto asturiano Álex “Kuku” Noriega ultiman a posta a punto do Skoda Fabia R5 Evo 2 co que debutarán no campionato europeo


Laura Moure/Palas de Rei

A estrutura do equipo galego de ralis Team Vilariño, encabezada polo piloto de Palas de Rei Luís Vilariño García e o copiloto asturiano Álex “Kuku” Noriega, dará “unha zancada de xigante” este ano na súa traxectoria deportiva ao converterse no primeiro equipo galego que afrontará integramente a totalidade do FIA European Rally Championship (ERC), considerado “o segundo escalón máis alto do automobilismo mundial tras o WRC” e cun “esixente calendario” que inclúe oito ralis en sete países: Portugal, Polonia, Letonia, Italia, República Checa, Hungría e España.


“Estamos moi ilusionados con este novo e ambicioso proxecto deportivo que plantexamos a dous anos vista e que ten unha gran parte de aventura, pero tamén outra de compromiso profesional importante, e por iso estamos a traballar nesta pretempada como nunca o fixeramos para poñer o foco no ERC, sen deixar de lado tampouco o Supercampionato de España”, explica Luís Vilariño.


Primeiras citas en Córdoba e Lorca

Precisamente, dentro da planificación da pretempada, tras disputar “con boas sensacións” o Rali de Lloret de Mar e despois dos test realizados en Pobra de Trives e Cantabria, Luis Vilariño e “Kuku” Noriega ultiman co preparador cántabro RaceSeven a posta a punto do Skoda Fabia R5 Evo2 co que debutarán no ERC, no 55º Rali de Azores, o vindeiro 6 de mayo.

O Skoda Fabia R5 Evo2 co que competirán.


Antes desa data, “para seguir mellorando o acoplamento ao coche e para coller sensacións na superficie de terra”, o Team Vilariño disputará dúas probas do Supercampionato de España (S-CER): o 38º Rali Sierra Morena de Córdoba, os días 10 e 11 de abril, e o 10º Rali Tierras Altas de Lorca, os días 24 e 25 de abril.


Vilariño asegura que “a planificación dunha tempada tan ambiciosa e que require tantos recursos sería inviable sen o apoio de todos e cada un dos patrocinadores do equipo”, entre os que destacan a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo (Área de Deportes), Xacobeo 2021 -a través da Secretaría Xeral para o Deporte-, Hankook, Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, Confederación de Empresarios de Lugo, Tyre Motorsport, Durcal Energía, Gasiluz ECO, LGVA Abogados e Life Clinic. “Non podemos prometerlles resultados, pero si moito traballo para conseguir que a súa aportación se vexa recompensada en termos de notoriedade e visibilidade”, engade.


Calendario do FIA European Rally Championship (ERC) 2021

• 6-8 de maio: 55º Rali de Azores (Portugal)

•18-20 de xuño: 77º Rali de Polonia

• 1-3 de xullo: Rali de Liepãja (Letonia)

• 23-25 de xullo: Rali de Roma capital (Italia)

• 27-29 de agosto: 50º Rali de Barum-Zlín (República Checa)

• 24-26 de setembro: Rali Serras de Fafe e Felgueiras (Portugal)

• 22-24 de outubro: Rali de Hungría

• 18-20 de novembro: Rali Islas Canarias (España)


Biografías

Luís Vilariño García (16/12/1973 - Palas de Rei, Lugo) acumula máis de dúas décadas de experiencia na súa traxectoria deportiva no mundo dos ralis. Tras debutar en 1994 no Rali de Narón, o seu palmarés inclúe máis de 130 probas disputadas, seis vitorias absolutas e 33 podios, logrando en 2013 o título de Campión Galego de Ralis e o subcampionato en 2007, 2008 e 2012.


Álex “Kuku” Noriega (5/05/1972 - Llanes, Asturias) é un dos copilotos máis coñecidos e queridos dentro do panorama nacional. Debutou en 1993 no Rali de Llanes e, desde entón, acompañou en máis de 200 probas rexionais, nacionais e internacionais a pilotos como Chus Puras, Luis Climent, Luis Monzón, etc. Neste 2021 súbese ao Team Vilariño para aportar a súa experiencia, coñecementos e, sobre todo, “bo rollo”.


0 comentarios

Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page