Taboada solicita unha subvención para renovar o Auditorio Municipal Valero Guzmán de Merza
Laura Moure/Vila de Cruces
O grupo de goberno de Xuntos asegura que está apostando polo rural e para fomentar o seu crecemento, propón, dentro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, levar a cabo obras de acondicionamento e ampliación do Auditorio Municipal Valero Guzmán de Merza, en Vila de Cruces, duplicando o aforo e a superficie destinada a escenario.
Aemais a actuación logrará reducir o consumo de enerxía primaria non renovable nun 66,61%, mellorar a habitabilidade renovando cubertas e soleiras, logrando a accesibilidade universal na edificación mediante un novo ascensor, ramplas e escaleiras; efectuando tarefas de conservación eliminando o fibrocemento con amianto de cubertas e reparacións de acabados, mellorando a seguridade de utilización mediante reforzos estruturais e inclusión de varandas e pendentes adaptadas, e incluíndo sistemas dixitais de control de climatización no edificio.

A suma total das actuacións ascende á cantidade 963.947 euros, dos cales serán subvencionados 739.867, xa que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, financia o 100% das intervencións encamiñadas á mellora da eficiencia enerxética, e o 85% das intervencións destinadas a mellorar a sustentabilidade ambiental, a accesibilidade, a mellora da habitabilidade e as encamiñadas á mellora na conservación dos edificios.

O alcalde confía en que acepten esta solicitude, xa que segundo indica “temos un concello con moita extensión, moi diversificado e con moitas necesidades. Por este motivo agradecemos estas oportunidades nas que podemos ampararnos noutras Administracións para poder conseguir levalas a cabo, porque doutra maneira sería totalmente imposible, aínda que se bota de menos axudas máis concretas das Administracións enfocadas directamente ao rural e aos seus veciños e veciñas”. Así mesmo, o rexedor lembra que seguen solicitando que as zonas rurais conten cunhas conexións da internet e de datos "acorde ao século en que vivimos e están a ser moi lentos e pouco esperanzadores, xa que sería algo fundamental para activar o rural e que os nosos veciños poidan vivir e traballar do mesmo xeito que os que están nos centros urbanos".







Comentarios