O mandatario cruceño cre que sumando forzas será máis fácil que os tomen en serio no Goberno Central
Laura Moure/Vila de Cruces
O alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, tomou a decisión esta mañá de poñerse en contacto con todos os rexedores que dunha maneira ou outra se atopan danados pola decisión de que polos seus concellos se instalen ou sexa lugar de paso o proxecto de Parque Eólico Val do Folgoso e o Parque Eólico Monte dos Porcallos. Taboada que no seu afán de servidor público estivo ultimamente moi preocupado por esta situación, comezou a manter reunións cos veciños afectados, estando esta semana pasada en San Pedro de Lóson.
Tras os últimos comunicados de prensa Taboada observa que ningún Concello está de acordo co exposto nese proxecto, e no día de hoxe contactou co resto de alcaldes agraviados por esta situación, por medio de correos electrónicos e máis tarde chamándoos persoalmente, para manter canto antes unha reunión e achegar posicións conxuntas nas alegacións que presentaran. "Xuntos somos máis fortes, iso non cabe dúbida algunha, xa que se sumamos as nosas poboacións estamos a falar de preto de 40.000 habitantes, o que vén ser o 50% da poboación da capital”, apunta Taboada.
O alcalde cruceño centra a súa alegación en que "a lei non permite que estas instalacións estean tan preto das vivendas" e non está polo labor de "cruzarse de brazos á espera de que isto se resolva por si só", comentado con varios técnicos e especialistas no sector e "empezaron a elaborar un trazado distinto ao do proxecto presentado, un trazado que transcorrería paralelo ás vías do tren, conseguindo desta maneira que en caso de non ser capaces de paralizar este proxecto, que vén imposto desde o Goberno Central, haxa unha alternativa viable e menos daniña para todos os veciños das parroquias afectadas", explica.
Este proxecto estará acompañado dunha petición que Taboada cre "de xustiza" e non é outra que para todas as parroquias que estean afectadas por esta instalación, a empresa fágase responsable do custo enerxético que poidan ter todos eles, como xa se está levando a cabo por algunhas compañías, "o que sería un método compensatorio ao agravio producido, como é o caso do concello de Muras, e que non só benefíciense alí ondeestean instalados os muíños, senón tamén os afectados polo traslado desta enerxía".
Se o resto de alcaldes deciden aceptar a solicitude do alcalde cruceño, Luís Taboada comprométese a transmitir o acordado nesa reunión a todos e todas as afectadas, e se por calquera razón os rexedores dos municipios lindeiros optasen por non reunirse e continuar por separado, Luís Taboada xa ten "o seu plan B" que será exposto e consensuado con todos os afectados.
Comments