top of page
Foto del escritorLaura Moure

Taboada saca adiante investimentos por valor de 1 millón de euros para Vila de Cruces

Nestes momentos está a executarse tamén o acondicionamento do vial do polígono industrial O Camballón cun valor de 98.219 euros


Laura Moure/Vila de Cruces

Foi unha semana moi activa para o alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, tal e como indica o Concello. "As súas constantes reunións en Deputación e Xunta de Galicia empezan a dar os seus froitos, e a casualidade quixo nesta ocasión que nesta mesma semana que remata, Taboada conseguise sacar adiante investimentos para a capital por valor de 1.074.612 euros", recalca.


O primeiro investimento é unha actuación moi solicitada e que garante unha maior seguridade para a veciñanza, ao conseguir dotar dun camiño peonil seguro ao instituto, ao centro de saúde e ao tanatorio cunha senda peonil de ancho variable, pero cun mínimo de 2,5 metros na súa marxe dereita, facéndoo coincidir co IES Marco do Camballón. Creando un “camiño escolar seguro” para o alumnado deste centro educativo, pero tamén servirá para dar maior seguridade aos accesos de dotacións próximas e moi utilizadas pola cidadanía, como o centro de saúde, o tanatorio, o cemiterio ou o campo de fútbol. O proxecto terá un custo de 182.033 euros dos que a Deputación achegará o 80% e o

consistorio o 20% restante.


Este investimento veu acompañada doutro proxecto polo cal "Luís Taboada loitou por conseguir e que mesmo algún grupo político votou en contra no pleno, para tentar desbancalo, e non conseguir modernizar o que é o centro urbano. En cambio o proxecto pasou os filtros dos técnicos da Deputación de Pontevedra e este venres confirmábase que se vai a realizar este proxecto de 892.360 euros para a mellora da rúa Vázquez desde o entroncamento coa rúa Sergio Iglesias Pazos ata o entroncamento coa travesía Vázquez 2 dos cales 596.681 euros serán financiados pola Deputación", subliña o Concello.


A todo isto, tamén, indica, hai que sumarlle os traballos que se están realizando de acondicionamento do vial do Polígono Industrial de O Camballón, con outro investimento adxudicado cun valor de 98.219,98 euros, e que estiveron revisando o alcalde e o tenente de alcalde, Julio López, os cales confirmaron que os traballos van a bo ritmo e que fan ao polígono máis accesible e seguro.

Taboada agradece ás institucións, e neste caso á Deputación de Pontevedra o seu compromiso coa vila, e espera que en breve as súas visitas ás consellerías da Xunta de Galicia, tamén comecen a dar os seus froitos, aínda que tamén lembra o rexedor, que aínda está á espera das famosas axudas de Deportes, que a día de hoxe non recibiron, e insta ao representante do PP en Vila de Cruces a que interceda ante o seu partido e demostre que non é máis que un número, e consiga que a Xunta tamén invista en Vila de Cruces. Segundo Taboada "de nada serve saír dicindo nun pleno que a Xunta vai entregarnos centos de miles de euros para a axuda do Covid hai un ano, se despois non se ve un céntimo".

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page