Taboada: "O Plan Económico-Financeiro non responde a ningunha situación de déficit, é unha obriga legal"
- ecosdacomarca

- 27 mar
- 2 min de lectura
O alcalde cruceño responde as declaracións do Partido Popular
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
En relación ás declaracións realizadas polo Partido Popular sobre o Plan Económico-Financeiro e a xestión municipal, o goberno de Xuntos polo Noso Concello, encabezado polo alcalde Luís Taboada, quere trasladar á veciñanza "unha mensaxe clara e baseada en feitos".

Sinala que o Plan Económico-Financeiro que se leva ao pleno de hoxe "non responde a
ningunha situación de déficit nin de mala xestión, senón que é unha obriga legal derivada do uso do remanente de tesourería, é dicir, da utilización de aforros propios para atender as necesidades reais da cidadanía".
E insiste en que o Concello de Vila de Cruces "atópase economicamente saneado, con liquidez, cun dos mellores períodos medios de pagamento da comarca e sen débeda que comprometa a súa estabilidade financeira".
PUBLICIDADE

Fronte ás afirmacións de “despilfarro” ou “falta de control”, recalca o rexedor que cómpre lembrar:
• "O uso do remanente permitiu realizar investimentos necesarios que non poden asumirse co orzamento ordinario, ao estar destinado á cobertura de servizos esenciais".
• "O Concello está a asumir gastos que non son competencia municipal e que outras Administracións non están cubrindo, como o Servizo de Axuda no Fogar ou actuacións en infraestruturas educativas".
No que respecta á venda de bens, "é importante precisar que non é obrigatorio incorporar informes de valoración neste momento, xa que o plan recolle previsións, tal como establece a normativa, e non operacións de venda concretas nin inmediatas, polo que as estimacións de ingresos responden a criterios razoables e serán desenvolvidas, no seu momento, cos correspondentes informes técnicos e procedementos legais".
Publicidade
O alcalde indica que este plan responde a unha obriga legal, "polo que votar en contra supón opoñerse ao seu cumprimento, xa que non é unha cuestión opinable, senón de obrigado cumprimento conforme á normativa vixente en materia de estabilidade orzamentaria".
No que respecta ás dedicacións, "cómpre aclarar que non se reparte en ningún caso a dedicación anterior. De feito, esta redistribución supón un aforro para o Concello, xa que a dedicación que queda vacante tiña un custo de 2.200 euros mensuais, mentres que os incrementos aplicados —de 400 e 300 euros respectivamente— supoñen un gasto moi inferior. Isto tradúcese nun aforro aproximado de 1.400 euros ao mes". Esta reorganización, apunta, "responde ao incremento da carga de traballo dos concelleiros que asumen as áreas vacantes. En todo caso, trátase de salarios que actualmente se sitúan arredor de 1.200 e 1.100 euros mensuais, moi afastados das cifras que se están a comunicar de maneira interesada".
O que dixo o PP: https://www.ecosdacomarca.com/post/pp-despilfarro-falta-de-control-e-subida-de-soldos-o-pleno-que-retrata-ao-goberno-de-vila-de-cru







Comentarios