top of page

Taboada decide non sacar un novo orzamento e Cruces seguirá co orzamento prorrogado de 2019

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Convocará un pleno extraordinario para incrementalo en máis de 700.000 euros sacados do remanente para reactivar a economía


Laura Moure/Vila de Cruces

O grupo de goberno de Vila de Cruces formado por Xuntos mantivo unha reunión de urxencia para dar solución á inanición que hoxe en día se mantén no Concello de Vila de Cruces "pola irresponsabilidade dunha oposición que non sabe verse o embigo, e o único que lles preocupa é deixar quedar mal ao goberno".


Mireya Otero, Luis Taboada e Julio López durante a reunión.


Desde o mes de marzo o alcalde Luís Taboada "tentou por todos os medios acordar un novo orzamento que axudase a paliar todas as necesidades da vila, un orzamento que fose real e preciso co cal se poida traballar libremente, cunha incorporación económica do remanente que nestes momentos ten o concello de Vila de Cruces de máis de 1.500.000 de euros, polos cales o propio consistorio está a pagar ás sucursais bancarias por telos gardados, no canto de investilos nos veciños e veciñas da vila, algo que nestes momentos permite a lei, e que non gusta á oposición, non sexa que os veciños vexan que se empezan a realizar obras que levaban décadas sen realizarse",lamenta o goberno local.


A decisión que o grupo de goberno tomou nesa reunión, co aval da concelleira de Facenda, Mireya Otero, foi non levar o orzamento 2021 a pleno e así axilizar un pleno extraordinario para sacar máis de 700.000 euros para inversións no municipio, "tras comprobar que se necesita dar unha solución ao grave problema co que se conta nesta administración, que non é outro que os grupos da oposición no canto de ser construtivos é unha oposición destrutiva, con moi boas palabras, pero sen feitos". Mireya Otero quere lembrar que se lle propuxo á oposición hai tres meses que dispuxesen de 250.000 euros para que decidisen onde investilo ao seu criterio, "e o único que fixeron foi, marear a perdiz, con “hoxe queremos unha cousa e ao día seguinte a outra, primeiro fala o PP por todos e despois xa non nos vale o que dixo o PP”.


O tenente de alcalde, Julio López, pola contra sempre confiou en que a oposición serian razoables e apoiarían os orzamentos máis sociais da historia de Vila de Cruces, ata o punto de que se reuniu cos representantes destas asociacións, coas que se comprometeu a unha subida nos convenios de ata un 30% mesmo algunhas que non existían e crearíanse para axudar a estes sectores tan danados pola Covid-19. "Algo que hai dous meses veuse abaixo cando a través da prensa o señor Otero xactábase de que os orzamentos estaban estrelados, dando a entender que nunca os apoiarían, co argumento de que axudas aos sectores danados son invencións do goberno de Xuntos. E que dicir do BNG con respecto

a estes orzamentos, cando nun programa de radio di que os orzamentos non son importantes, xa que leva esperando por eles máis de catro meses pódese seguir esperando, e o que realmente urxe é ver se o BNG ocupa a cadeira da Alcaldía, algo primordial para o señor Fiuza. Un despropósito que se incrementa cando se dá conta de que nunca será alcalde de Vila de Cruces, e coa forma de traballar que ten habitualmente, sae dicindo que como non pode facer o que quere vai votar en contra de todo o que propoña o goberno de Xuntos, aínda que isto supoña amolar aos veciños e veciñas de Vila de Cruces".


Vendo esta situación, e xa pasando o ecuador deste ano o goberno de Xuntos aparcará o orzamento e "non perderá máis tempo en dar explicacións a unha oposición que non respecta a este goberno, e que o único que tenta é alongalo para que non se poida realizar nada e desacreditar ao goberno, algo que ata o momento funcionoulle, pero que xa se lle pon fin", incide.


En breve o grupo de goberno de Xuntos levará a un pleno extraordinario unha modificación de crédito a conta do remanente dun importe de máis de 700.000 euros como tiña previsto desde o principio, para reactivar a economía, o turismo, a cultura e o deporte da vila e reta á oposición a que lle vote en contra e que sigan castigando aos veciños e veciñas, mesmo coa posibilidade de que se perdan subvencións xa concedidas.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page