Ecos da Comarca/Vila de Cruces
A concelleira cruceña Mireya Otero quere dar os parabéns a Cristina Arias por lograr a axuda da Xunta de Galicia para xestionar unha casa do maior en Duxame, (Vila de Cruces).
Otero aínda lembra, tal e como indican dende o Concello, como meses atrás percorreron conxuntamente con Cristina Arias, xunto co propio tenente de alcalde, Julio López, diversos edificios municipais que Cristina Arias previamente solicitara. "Despois de varias entrevistas déuselle a opción da Casa do Conserxe, que quedou desestimada, ao ser un ben da Xunta de Galicia e estar afectada por Educación; máis tarde tentouse coa posibilidade de que ocupase un local no Centro de Día de Vila de Cruces, algo que foi imposible, xa que parte da corporación non o vía ben, ao ser ela unha persoa autónoma que se ía a lucrar cun traballo persoal, nunhas instalacións pagadas por todos os veciños e veciñas de Vila de Cruces, sendo unha competencia desleal para outros posibles usuarios ou usuarias", indican dende o goberno local.
Entón, explican, que foi cando Arias lles comentou, segundo afirma o Concello, que dispoñía dun baixo nunha das súas propiedades e tentaríao dese xeito. "Algo que polo visto se materializou estes días e que o grupo de goberno coñeceu pola prensa, felicitándoa pola súa iniciativa e incentivando con esta forma de actuación a que outras persoas poidan tamén ser beneficiadas".
Luís Taboada cre que esta iniciativa da Casa do Maior é moi beneficiosa para todos e todas aquelas emprendedoras, "que queiran traballar dende casa sen ter que desprazarse, ao mesmo tempo que coidan dos nosos maiores, “e non tan maiores”, xa que a Xunta estipula que calquera maior de 60 anos pode ser acollido nestas Casas do Maior, sen ser necesario que sexan dependentes, é máis, a Xunta axuda á emprendedora para facer as modificacións que necesite no local ata un importe de 15.000 euros e unha vez aprobada a solicitude, páganlle á emprendedora ou emprendedor, como o caso de Cristina, 59.058 euros entre este ano e o 2023. Algo moi interesante ao conseguir desta maneira incentivar o traballo nas zonas rurais, ao mesmo tempo que tamén se atende mellor aos nosos maiores", recalca o alcalde.
NOTICIA RELACIONADA:
Comments