Acusa ao BNG de "facer crer aos veciños que o grupo de goberno de Xuntos non está a facer nada para evitalo, querendo sacar rédito político de algo tan serio e preocupante"
Laura Moure/Vila de Cruces
O alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, aclara "que non quere que os montes de Vila de Cruces estean infestados de muíños de vento, os cales compara con espantallos, uns muíños que estarán a xerar unha enerxía que beneficiará a uns poucos, e que pola contra destruirá unha paraxe única e idílica como son os nosos montes e a nosa masa forestal", recalca. "Quen se pode crer que un alcalde queira esnaquizar a natureza e a riqueza que iso leva?. Quen no seu santo xuízo permitiría tal aberración? Pois o BNG de Cruces quere facer crer aos veciños e veciñas que o grupo de Goberno de Xuntos con Taboada á cabeza non están a facer nada por evitalo, querendo sacar rédito político de algo tan serio e tan preocupante", recrimina o mandatario.
Taboada pregúntase onde estaban os representantes do BNG e do PSOE no Parlamento Galego cando o PP aprobou as bases de execución que "hoxe permiten que as liñas pasen por encima das nosas casas e os parques eólicos destrúan a nosa masa forestal. Se estes son os mesmos que hoxe se rachan as vestiduras e buscan culpables onde non os hai". Ademais, lembra que "o Concello nunca outorgou ningunha licenza para a instalación de ningún parque eólico" por ese motivo dille ao BNG que "non se confunda de inimigo e que arrime o ombreiro e fale cos seus superiores para que intercedan no Parlamento de Galicia e derroguen unhas leis que no canto de crear riqueza nas zonas rurais transfórmanas en paraxes desérticos e que dificilmente poidan ser habitados e produtivos".
O goberno de Vila de Cruces quere tranquilizar a todos os veciños e veciñas ante esta situación, e que sexan coñecedores de que non se deixou de traballar desde o primeiro momento para erradicar este problema, do mesmo xeito que están a facer outros colectivos veciñais e plataformas ás que desde o Concello queren agradecer o esforzo e ofrecer todo o apoio que necesiten, como se demostrou nas últimas reunións, "aínda que non estaría de máis que esta plataforma tamén convidase a membros do goberno ás reunións, e que non teña que informarse Taboada polos medios de comunicación que estiveron nunha parroquia, na que tamén asisten os grupos da oposición PP, BNG, PSOE e de XUNTOS non hai ninguén, dando a entender que non se quixo asistir", cuestiona.
Taboada remata dicíndolle ao señor Alejandro Fiuza que lembre que “en política non todo vale” e non é ético nin moral utilizar os parques como arma arreboladiza contra o goberno", e agradece o seu traballo, que espera que conxuntamente co da plataforma e a administración teña os seus froitos, sen esquecerse de que o PP é quen ten a chave e a posibilidade real de paralizar "esta tolemia" de Parques Eólicos por todas as partes, e insta o señor Souto, portavoz do grupo do PP, a que medie co presidente e actúe en consecuencia.
Comentários