Susana Tato, BNG Agolada: "NOVAS CARAS POLÍTICAS, IGUAL CACIQUISMO DE VELLO"
- ecosdacomarca
- 1 mar
- 2 Min. de lectura
A concelleira do BNG agoladés escribe o seguinte artigo de opinón
Susana Tato Pampín/Agolada
ARTIGO DE OPINIÓN
Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opión que nos enviou Susana Tato Pampín, concelleira do BNG de Agolada.

NOVAS CARAS POLÍTICAS, IGUAL CACIQUISMO DE VELLO
"Os cartos públicos que teñen as distintas administracións nin son do alcalde de Agolada, nin do Presidente da Deputación, nin do Presidente da Xunta e tampouco do Presidente do goberno estatal. Os cartos públicos que eles manexan son de todos e cada un dos cidadáns porque proceden dos impostos que pagamos. A obriga dos que nos gobernan é facer un reparto xusto e equitativo, sen discriminacións de ningún tipo. O único que debe guiar o investimento é o interese público xeral.
Onde fai falla un investimento, sexa nun colexio, en colectivos sociais e culturais, nunha estrada ou calquera outra infraestrutura ou ente público, hai que facelo co único fin de mellorar a vida da cidadanía, mellorar a saúde económica dos colectivos sociais que fan traballos que redundan en beneficio do interese xeral, etc.
Digo isto porque levamos tempo observando no concello de Agolada que cando alguén, e con alguén refírome a Asociacións, empresas ou ata o propio concello, recibe cartos da Deputación ou da Xunta, case se lle esixe, por parte da portavoz do PP na oposición, vasalaxe, dar grazas públicas, que faga fotos ou un recoñecemento en forma de veneración divina á Deputación ou Xunta de Galicia ou a ela mesma.
O PP quere facer un uso partidista dos cartos que lle corresponden ao noso concello por ser concello, non porque o PP goberne na Deputación ou na Xunta. O concello recibe os cartos do Estado, da Deputación e da Xunta que lle corresponden por uns criterios obxectivos fixados previamente, Goberne o PP ou o cristo da caridade! Aparte disto todas as administracións teñen a obriga de manter o seu patrimonio en perfecto estado, sexan estradas, sexan colexios, sexan centros de saúde ou calquera outra cousa. Cando a cousa non funciona así, temos que dicir que é cando unha administración é caciquil, é dicir: garda algo para os seus. Nós loitamos contra o caciquismo outros pretenden perpetualo traspasado o século XXI.
Publicidade
Baixando ao concello, só podo repetir o que para as outras administracións. Os cartos do concello son cartos da cidadanía. O goberno só está aí para administralos xusta e equitativamente, sen chanchullos e sen caciquismo, mirando exclusivamente o interese social. Sexan pistas, subvencións a colectivos ou contratación de obras e servizos.
Falando de cacicadas e de criterios caciquís, hai uns cartos que a Xunta ten moito interese en dar e non son para Agolada nin tan sequera para os galegos, é para os Portugueses para que veñan desfacer a nosa contorna, pero non o van a conseguir!!
ALTRI NON!!!".
Susana Tato Pampín
Concelleira do BNG na Agolada
Comentarios