top of page

Somoza lémbralle ao goberno de Rodeiro que inicia o curso político “con seis asignaturas pendentes”

30 ago
2 min de lectura

Sitúa como “actuacións prioritarias” a mellora das estradas que están “intransitables”, o remate do edificio polivalente asistencial e as tarefas de mantemento no colexio antes do inicio das clases


Ecos da Comarca/Rodeiro

A voceira do Grupo Municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, que asistiu onte ao acto de inicio do curso político do PP de Galicia en Cerdedo-Cotobade, destacou que no caso de Rodeiro o goberno local arrinca esta última etapa do mandato con, polo menos, seis grandes “asignaturas pendentes”.

Entre as “actuacións prioritarias” para os vindeiros meses, Cati Somoza sinala en primeiro lugar a mellora da rede de estradas municipais, porque “hai moitas pistas intransitables”, como poden ser as de Río-Fafián, Caxide-Pereira-Farán, Carboentes-Baroncelle-Caxide e Bagarelas-Saborín, entre outras.


A voceira popular tamén apunta como “asignatura urxente” a realización no colexio, antes do inicio das clases, das tarefas de mantemento que lle corresponden ao concello para arranxar "os aseos que están pechados porque non funcionan, as luminarias fundidas, os canalóns atascados e os patios clausurados por obras que non acaban nunca, por exemplo".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Outro dos “deberes” que Cati Somoza lle pon ao goberno local é o remate e a posta en marcha do edificio polivalente asistencial, despois de que “a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra acheguen unha financiación que o Goberno de Pedro Sánchez lle negou a Rodeiro”. “Hai xa 14 meses que o concello ten aprobados 500.000 euros da Deputación para avanzar nesta obra e non fixo absolutamente nada”, remarca.


Para a voceira popular, tamén é “imprescindible” que antes da chegada do inverno o goberno local arranxe as filtracións no tellado do pavillón, que foi executada “ás presas” xa con José Luis Camiñas como alcalde en novembro de 2023 e "que segue a ter goteiras que provocaron nos últimos tempos a suspensión de adestramentos, o aprazamento e traslado de partidos e incluso algunha lesión de rapaces".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

En canto á área asistencial, a voceira do PP apremia ao goberno local a destinar 180.000 euros dos remanentes ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), despois de perder “pola súa nefasta xestión” o aumento que a Xunta de Galicia puxo a disposición de todos os concellos galegos. “As persoas maiores e dependentes de Rodeiro non teñen por que pagar as consecuencias da neglixente xestión do goberno local”, indicou.


Por último, Cati Somoza urxe ao executivo local a “poñerse a traballar dunha vez na elaboración dos que serían os seus primeiros orzamentos municipais”: “como xa sei que van contestar que o anterior goberno tampouco os aprobou, o que lles digo é que eles chegaron coa promesa de que ían mellorar as cousas e, se non o pensan facer, que vaian deixando paso”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page