top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Sométese a información pública o estudo de impacto ambiental do parque eólico Cunca, en Cruces

E tamén as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto e os interesados poderán presentar alegacións nun prazo de 30 días


Laura Moure/Vila de Cruces

Sométese a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Cunca, situado no concello de Vila de Cruces, tal e como se publica hoxe, luns, no Diario Oficial de Galicia (DOG).


O solicitante é a empresa Green Capital Power, S.L e este proxecto afectá unicamente ao concello cruceño. Instalaranse cinco aeroxeneradores cunha potencia de 22,5 MW. A produción neta anual estimada é de 65.910 (MWh/ano) e o orzamento total (execución material) é de 20.989.150 euros.


Características técnicas recollidas no proxecto:

  • Cinco aeroxeradores tipo Siemens Gamesa SG145 ou similar de ata 4,5 MW de potencia nominal unitaria, 127,5 metros de altura de buxeiro e 145 metros de diámetro de rotor.

  • Cinco centros de transformación con relación 0,69/30 kV e potencia de 5.350 kVA, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador coas súas correspondentes celas metálicas de seccionamento, manobra e protección.

  • Rede de media tensión soterrada, dotada de tres circuítos con cables RHZ1-2OL H16CU 18/30 kV AL en distintas seccións de 95, 150 e 240 mm2, de interconexión entre os centros de transformación e a subestación transformadora. Pola mesma canalización prevese a instalación de cablaxe de terra de Cu dun mínimo de 50 mm2 e rede de comunicacións que utilizará como soporte un cable de fibra óptica e que se empregará para a monitorización e control do parque eólico.

  • Subestación transformadora 132/30 kV, formada basicamente polos seguintes elementos e equipos: Nivel de 132 kV (intemperie): unha posición de liña-transformador, cos seguintes elementos: un xogo de tres pararraios autoválvulas de protección de liña; un xogo de transformadores de tensión capacitivos; un seccionador con coitelas de posta a terra; un xogo de tres transformadores de intensidade para medida e protección; un interruptor trifásico de mando unipolar en SF6; un xogo de tres pararraios autoválvulas de protección de transformador e un transformador de potencia 132/30 kV T-1 de 25/30 MVA (ONAN/ONAF); nivel de 30 kV (interior): un embarrado de media tensión, formado polos seguintes elementos: unha cela de protección de transformador de potencia, lado 30 kV; posición de medida de tensión en barras; tres celas de liña de 30 kV para os embarrados de media tensión; unha cela de servizos auxiliares e unha cela de batería de condensadores. E nivel de 30 kV (intemperie): un xogo de tres pararraios autoválvulas de protección; illadores soporte; embarrado con tubo de cobre; unha reactancia de posta a terra de 500 A/10 s e un seccionador de protección da reactancia.

  • Unha torre meteorolóxica de ata 127,5 metros de altura.

Un parque eólico.

Autor: Fundación Endesa.


Cabe recalcar que o órgano competente para autorizar o proxecto da referida instalación eléctrica é a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais. E o proxecto da referida instalación eléctrica está suxeito a avaliación de impacto ambiental ordinaria, segundo o establecido no artigo 7.1.d) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.


De acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e pola demais normas de aplicación relacionadas ao inicio desta resolución, constitúen o obxecto da información pública os seguintes documentos: proxecto de execución, estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 30 días a partir do día seguinte ao da última publicación desta resolución.


Atendendo ás medidas preventivas fronte ao coronavirus, a consulta da documentación realizarase preferentemente a través do seguinte enlace da web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://ceei.xunta.gal/transparencia/documentos-sometidos-a-informacion-publica, na epígrafe de instalacións de xeración. A atención será telefónica no número 986 805 239.


Cando sexa indispensable a atención presencial, poderase acudir á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (avenida Mª Victoria Moreno, 43-5º, 36071 Pontevedra), mediante cita previa no número de teléfono indicado, así como ás dependencias do concello de Vila de Cruces (Praza Juan Carlos I, s/n, 36590 Vila de Cruces, Pontevedra).


0 comentarios

Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page