Son os de Val do Folgoso e Monte dos Porcallos e tamén se expón a autorización administrativa previa dos mesmos durante un prazo de 30 días
Un parque eólico.
Autor: Fundación Endesa
Laura Moure/Deza
A entidade Green Capital Development XXIX, S.L. solicitou a Declaración de Impacto Ambiental e Autorización Administrativa Previa da instalación dos parques eólicos Val do Folgoso e Monte dos Porcallos ambos na comarca de Deza. Agora sométense a información pública e sae publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Os proxectos están suxeitos ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria, en virtude do definido no artigo 7.1.a da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. De conformidade co previsto no artigo 53.1.a da Lei 24/2013, do 26 de decembro, a tramitación de ambos os procedementos (Autorización Administrativa Previa e Avaliación de Impacto Ambiental) está a efectuarse de maneira conxunta. Así mesmo, con data 1 de novembro de 2020 ditouse pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acordo polo que se acumula a tramitación dos procedementos correspondentes ás dúas instalacións, motivado pola identidade substancial e íntima conexión de ambos os proxectos, compartindo a infraestrutura de evacuación principal e cunha clara sinerxia ambiental entre eles.
Para os efectos previstos no artigo 125.1 do Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, sométese a trámite de información pública o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa das instalacións indicadas, cuxas características xerais son as seguintes, tal e como se publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Parque Eólico Val do Folgoso
Peticionaria: Green Capital Development XXIX, S.L., con C.I.F. B-88472691, e domicilio social en c/ Marqués de Villamagna 3, planta 5, 28001 Madrid.
Denominación: Parque Eólico Val do Folgoso, de 56 MW, e a súa infraestrutura de evacuación.
Código de proxecto: PEol-353 AC.
Emprazamento: Termos municipais de Lalín, Rodeiro e Dozón.
Finalidade: Xeración de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovable (eólica).
Características técnicas:
Parque Eólico: 10 aeroxeradores de 5’6 MW de potencia unitaria, tensión de xeración 800 V, elevada a 30 kV nos centros de transformación de cada aeroxerador, con 162 metros de diámetro de rotor e unha altura de torre de 125 metros. Rede subterránea de media tensión de evacuación, kV: para conexión de cada un dos aeroxeradores coa subestación do parque.
Subestación elevadora de tensión Val do Folgoso 30/132 kV: aumentará a tensión ata 132 kV, para a evacuación a esa tensión da enerxía producida polo parque eólico. A superficie aproximada é de 1.633 metros cadrados. E está no termo municipal de Lalín. Pola súa banda, a liña aérea de evacuación a 132 kV: desde a subestación de Val do Folgoso ata a subestación colectora do parque eólico Monte dos Porcallos, simple circuíto, un condutor por fase e cable de terra, cunha lonxitude aproximada de 4.329 metros. Tamén no termo municipal de Lalín. O orzamento é de 47.481.248 euros.
Parque Eólico Monte dos Porcallos
Peticionaria: Green Capital Development XXVIII, S.L., con C.I.F. B-88472824, e domicilio social en c/ Marqués de Villamagna 3, planta 5, 28001 Madrid.
Denominación: Parque Eólico Monte dos Porcallos, de 56 MW, e a súa infraestrutura de evacuación.
Código de proxecto: PEol-353 AC.
Emprazamento: Termos municipais de Lalín, Vila de Cruces e Silleda.
Finalidade: Xeración de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovable (eólica).
Características técnicas:
Parque Eólico: 10 aeroxeradores de 5’6 MW de potencia unitaria, tensión de xeración 800 V, elevada a 30 kV nos centros de transformación de cada aeroxerador, con 162 metros de diámetro de rotor e unha altura de torre de 125 metros. Está no termo municipal de Lalín.
Rede subterránea de media tensión de evacuación, 30 kV: para conexión de cada un dos aeroxeradores coa subestación do parque.
Subestación elevadora de tensión “Monte dos Porcallos” 30/132 kV: aumentará a tensión ata 132 kV, para a evacuación a esa tensión da enerxía producida polo parque eólico. Superficie aproximada de 2.335 metros cadrados.A subestación Monte dos Porcallos, ademais da evacuación do parque eólico Monte dos Porcallos, actúa como subestación colectora para a evacuación da enerxía xerada polo parque eólico Val do Folgoso. Está no termo municipal de Lalín.
Liña de evacuación a 132 kV: desde a subestación de Monte dos Porcallos ata o punto de conexión en “ T” coa liña aérea de alta tensión Rodeira-SET Colectora de Silleda no seu apoio 28. Subterránea no seu tramo inicial e aérea no resto, simple circuíto, un condutor por fase e cable de terra, cunha lonxitude aproximada de 18.435 metros. Abarca, como indicamos xa en liñas máis arriba, nos termos municipais de Lalín, Vila de Cruces e Silleda. O orzamento, neste caso, é de 48.867.799 euros.
Corresponde á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ditar a resolución de Autorización Administrativa Previa das instalacións. Corresponde á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do mesmo ministerio, formular a Declaración de Impacto Ambiental. Corresponde á Dependencia da Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra a tramitación de ambos os procedementos; con tal motivo, esta Dependencia é o órgano ante o que poden presentarse alegacións.
Todo o anterior faise público para que poida ser examinado o expediente e, no prazo de 30 días, contados a partir do seguinte á publicación deste anuncio, é dicir desde mañá, formularse as alegacións que se estimen oportunas, dirixidas á Dependencia da Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a través o Rexistro Electrónico da Administración Xeral do Estado (https://rec.redsara.es) ou por calquera outro dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Advírtese que as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e outros suxeitos identificados no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, están obrigados a relacionarse por medios electrónicos coas Administracións Públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo. Con tal motivo, as alegacións formuladas por calquera deses suxeitos neste trámite de información pública deben obrigatoriamente presentarse por medios electrónicos.
O Anteproxecto e o Estudo de Impacto Ambiental das instalacións poden ser examinados:
• a través da seguinte ligazón:
• a través do apartado Proxectos, Campañas e Información/Procedementos de Información Pública da sede electrónica da Delegación do Goberno en Galicia;
• presencialmente na Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, sita en Praza de España, s/n, 36002, Pontevedra; esta consulta presencial requirirá de cita previa, que pode solicitarse a través do teléfono 986 98 92 35, en horario de 9 h a 14 h, ou do correo electrónico a industria.pontevedra@correo.gob.es
A documentación anterior tamén foi posta ao dispor de cada un dos Concellos afectados.
Commentaires