top of page

Sométese a información pública a segunda fase da obra de mellora da estrada que une Palas con Friol

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

As persoas interesadas teñen agora un prazo de 30 días hábiles, ata o 29 de decembro, para trasladar as súas achegas


Laura Moure/Palas de Rei

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou este martes o inicio do proceso de información pública da segunda fase das obras de acondicionamento da vía autonómica LU-231, que completará un investimento da Xunta de 6,5 millóns de euros na mellora integral da estrada entre Friol e A Baiuca (Palas de Rei). Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e alcaldes da zona, supervisou as obras da primeira fase de mellora da estrada LU-231, que abrangue 9,4 quilómetros, entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo, xa no termo municipal de Palas de Rei.

A conselleira sinalou que esta segunda fase comprende a mellora dos outros 9,3 quilómetros que conforman a estrada autonómica, entre Castrelo e A Baiuca, no enlace coa autovía A-54. Esta actuación, cuxo proxecto, se someteu este martes a información pública con efectos, tamén, expropiatorios, suporá un investimento da Xunta de 3,7 millóns de euros, incluíndo o pago dos 235 predios que se verán afectados.


O proxecto aprobado a mediados de 2022

As persoas interesadas teñen agora un prazo de 30 días hábiles, ata o 29 de decembro, para trasladar as súas achegas. Segundo informou Ethel Vázquez, o obxectivo do Goberno galego é ter contestadas as alegacións e o proxecto aprobado a mediados do ano 2022, para iniciar despois as expropiacións.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que este novo paso dá cumprimento o compromiso adquirido cos alcaldes e cos veciños de acometer a mellora integral desta estrada entre Friol e a Baiuca e así conformar, xunto coa estrada provincial, un eixe norte-sur de mobilidade con prestacións axeitadas entre a A-54 (en Palas) e a A-6 (en Begonte), nun punto próximo ao enlace coa A-8, favorecendo a competitividade.

Primeira fase da mellora da LU-231

A conselleira explicou sobre o terreo o avance das obras da primeira fase de mellora da estrada LU-231, actuación coa que se incide na seguridade viaria e en propiciar desprazamentos máis cómodos aos veciños, xa que supón ampliar a estrada ata os oito metros, ademais de rectificación de partes do trazado para suavizar as curvas máis pronunciadas. Estas obras inclúen a mellora do cruce coa estrada provincial pola que se chega a Guntín, nun sentido, e a Begonte (á A-6), polo outro.

A titular de Infraestruturas da Xunta adiantou que o ritmo de execución permite manter os prazos previstos, polo que no vindeiro verán os veciños disporán de 9,4 quilómetros desta estrada LU-231, entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo, con carrís máis amplos, con beiravías, con menos curvas e tamén mellor sinalizada, grazas a un investimento de 2,8 M€.

Precisou que os traballos, iniciados en agosto, avanzan actualmente nunha das marxes da estrada co movemento de terras, o que permite que a día de hoxe haxa 4,5 quilómetros de gabia abertos, o 50% desta beira. Tamén se traballa na limpeza ou substitución da drenaxe, segundo o caso, e están acopiadas as tubaxes e os marcos prefabricados para ir colocándoos nos vindeiros meses. A conselleira puxo estas actuacións na LU-231 como exemplo da aposta da Xunta por impulsar infraestruturas vertebradoras e transformadoras no interior da Comunidade, “contribuíndo a un rural vivo” con fondos propios da Xunta. A ese respecto, sinalou os condicionantes impostos polo Goberno de España para a execución dos fondos de reconstrución Next Generation en materia de mobilidade, que impiden actuacións no rural, ao exixir que os investimentos se desenvolvan en concellos de máis de 50.000 habitantes.

Ethel Vázquez subliñou que a Xunta destina 2,8 millónde fondos da Comunidade a esta primeira fase de mellora desta estrada, e que os Orzamentos autonómicos do vindeiro ano inclúen unha partida de tres millóns de euros para rematar as obras e para continuar o traballo coa segunda fase.

A conselleira contrapuxo os case 38 millóns de euros que reservan as Contas da Xunta para investir en 2022 nas estradas de Lugo, co que fai o Goberno de España nas autovías da súa competencia, como é a A-54, entre Santiago e Lugo, que non se verá aínda acabada ata 2024. Así, destacou a firme determinación da Xunta de contribuír ao progreso de Lugo a través da mellora das comunicacións viarias como este eixe Palas-Friol-Begonte, a autovía Nadela-Sarria ou a mellora da estrada LU-651 en Folgoso do Courel.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page