top of page

Sobrado recibe unha axuda da Xunta para conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural

Laura Moure/Sobrado

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, acompañadas pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, visitaron o concello de Carral para supervisar a actuación realizada ao abeiro da orde de axudas destinada á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede de reservas de biosfera de Galicia.


Concretamente, cunha achega autonómica de máis de 7.500 euros, en Carral, que pertence á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, levou a cabo, unha primeira fase, de sinalización ambiental da Ruta da Auga, mentres que a segunda fase se executará co orzamento de 2025. Esta ruta esténdese ao longo de pouco máis de 9,3 quilómetros. A través desta liña de axudas estase a sinalizar a senda entorno á auga, destacando a importancia da conservación das zonas húmidas e máis especialmente a contorna do río Barcés. O proxecto completo contempla un panel de inicio e fin da ruta, catro mesas informativas con código QR, doce postes baixos de madeira para sinalización de continuidade da ruta e seis postes altos con frechas sinalizadoras.

Ademais, este municipio recibiu outra axuda da orde para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura de case 15.000 euros para un proxecto de educación ambiental para coñecer e conservar o río Barcés. A delegada destacou que estas dúas ordes benefician na área da Coruña a 9 concellos con axudas que ascenden a 270.000 euros.


Reserva Biosfera

Belén do Campo lembrou que a Xunta destinou, este ano, un orzamento global de 1,8 millóns de euros dirixido a financiar actuacións, estudos e investimentos por parte de concellos localizados nalgunha das sete reservas da biosfera existentes en Galicia e que teñan como obxectivo común avanzar na conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural destes espazos.


De carácter bianual e cofinanciadas pola UE a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o importe máximo destas subvencións foi de 30.000 euros e con elas, as entidades locais poden cubrir o 100% do custo subvencionable.

No caso da comarca da Coruña a delegada informou, que foron beneficiados desta orde ademais do de Carral, os concellos de Miño, Oleiros, Paderne, Sobrado, Arteixo, Bergondo, e Oza-Cesuras por un importe global de case 195.000 euros


Neste sentido, Belén do Campo salientou que todas as actuacións que resultaron beneficiarias na actual convocatoria teñen o obxectivo común de contribuír a deter e reverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes propios destas zonas, que destacan polos seus elevados valores naturais e polo seu desenvolvemento en harmonía coas poboacións asentadas nelas.


Segundo explicou, as actuacións subvencionables agrúpanse en catro grandes liñas de actuación: conservación, restauración e mellora da biodiversidade, especialmente dos hábitats, especies ou ecosistemas naturais, así como aquelas que teñan un impacto favorable na mitigación ou adaptación ao cambio climático; mellora da conectividade ecolóxica de especies de flora e fauna; recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional; e creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.


Rede Natura

A delegada referiuse tamén ás axudas que recibiron os concellos para financiar estudos e diferentes investimentos dirixidos á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural localizado na Rede Natura 2000 de Galicia. Esta orde de axudas busca potenciar e preservar os elementos, actividades e paisaxes que caracterizan a Rede Natura, a maior rede de espazos protexidos do mundo, que atesoura un altísimo patrimonio ecolóxico, social e económico.


Cun orzamento global de 2,8 millóns de euros, Belén do Campo explicou que esta convocatoria bianual de axudas está dirixida a concellos incluídos total ou parcialmente na Rede Natura de Galicia, así como a persoas físicas, asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común que queiran impulsar proxectos para, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Ademais, tamén apoia que se leven a cabo actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria en Rede Natura, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas.


En Galicia arredor de 375.000 hectáreas están amparadas baixo esta figura —o 12% do territorio—. Neste sentido, Belén do Campo informou que na comarca da Coruña recibiron subvencións para realizar actuacións nestas zonas, ademais de Carral, os concellos de Miño e Abegondo, por un importe total de case 75.000 euros.


Protección espazos naturais

A representante do Goberno autonómico tamén lembrou que estas non son as únicas axudas que xestiona o seu departamento para poñer en valor os espazos naturais galegos. Así, só en 2024 convocáronse tres liñas de subvencións por un importe global de 6,2 millóns de euros dirixidas a preservar espazos amparados baixo distintas figuras de protección: axudas para parques naturais (1,63 millóns de euros) e as xa mencionadas para Rede Natura (2,8 millóns de euros) e para reservas de biosfera (1,8 millóns de euros).

De feito, Belén do Campo salientou que as axudas para parques naturais e Rede Natura son incompatibles entre si, pero as dúas son compatibles coas de reservas de biosfera, aínda que deben ser axudas para liñas diferentes.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page