Agradece a implicación do persoal traballador no proceso de reactivación da finca e anunciou a posta en marcha de novidades TIC para melloras en xenética e facturación

Carmela Silva, esta mañá, durante a visita a Mouriscade.
Laura Moure/Lalín
"Mentres nós xestionemos Mouriscade imos seguir traballando para modernizar estas instalacións", asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na visita á finca lalinense na que vén de anunciar o compromiso e aposta do goberno provincial para convertela "nunha referencia para o sector agrogandeiro, que forma parte de todas e de todos nós". No seu percorrido polo laboratorio e a granxa, Carmela Silva agradeceu a colaboración e implicación do persoal traballador no proceso de reactivación da Finca e adiantou a posta en marcha "dun potente plan de comunicación para que a xente saiba o que facemos aquí". Amais, entre as novidades que deu a coñecer, subliñou a aposta pola tecnoloxía co inminente lanzamento dunha app para consultar a través do móbil resultados de analíticas, labores de xenética e facturación, así como a concorrencia a fondos europeos para achegar máis recursos para modernizar Mouriscade.
"Hoxe veño darvos as grazas polo traballo que desenvolvedes e o voso compromiso", asegurou Silva referíndose ás persoas traballadoras ás que informou da aposta do goberno provincial por "dar resposta ás vosas demandas e investir tanto en novos materiais que precisedes para ofrecer un mellor servizo ata en novos procedementos para ser máis eficientes e eficaces". "Mouriscade – destacou- nos ocupa e nos preocupa, imos escoitarvos" e, deste xeito, Silva adiantou que vanse acometer melloras en canto á investigación, que "vai xogar un papel máis relevante", e optimizando as instalacións e as medidas de seguridade.
Campaña de comunicación
A Deputación xa ten en marcha unha "potente" campaña de comunicación na que se enmarcan xornadas de portas abertas, visitas de estudantes, novas sinerxías coa universidade, participación en feiras e eventos así como en escolas de xuíces/xuízas de gando e na preparación para persoas gandeiras novas e mozas. Finalmente, a presidenta provincial informou que se vai optar "a recursos dos Fondos Europeos para sumar recursos, amais dos fondos propios que aportamos nós, para modernizar Mouriscade". Neste eido, preténdese concorrer a fondos para impulsar a economía circular, fixar poboación no rural e reducir a introdución de substancias nocivas no ecosistema.
Na súa visita ao laboratorio, anunciou a dotación de recursos para mellorar o laboratorio e ofrecer máis garantías de traballo como a instalación de cámaras térmicas, a mellora das emisións de axentes contaminantes e a dotación da rede de datos á planta de biogás, para monitorizar e rexistar o seu rendemento. Tamén deu a coñecer que se está a ultimar unha app para que as entidades que se benefician dos servizos da Finca Mouriscade poidan ver os resultados das analíticas nos seus propios móbiles, á que hai que engadir outra aplicación, xa rematada, para coordinar as labores de xenética e facturación. Ademais do laboratorio tamén percorreu a granxa, visitando o espazo para o gando e coñecendo, de primeira man, os cambios efectuados e as medidas adoptadas en materia de xenética. Alí anunciou que se mellorará a cuberta e a zona exterior e que se vai contratar un laboratorio móbil para mellorar o servizo embrionario.
O goberno da Deputación de Pontevedra está a darlle un forte impulso a Mouriscade cun moderno plan de reactivación, que supuxo a reestruturación orgánica da finca, que depende xa do servizo de Medio Ambiente e coa posta en marcha dun regulamento de funcionamento interno. O plan conta tamén cun comité de persoas expertas, no que están representadas integrantes do sector gandeiro, o tecido asociativo e representantes do sector do benestar animal, así como un comité de información no que están representados os concellos das comarcas de Deza e Terra de Montes.
Commentaires