Silleda ten aberto o prazo para participar no roteiro de Goza do Ulla o vindeiro domingo día 19
- ecosdacomarca

- 6 oct
- 2 Min. de lectura
O percorrido comezará nas Insuas de Gres, en Vila de Cruces, e rematará na área fluvial de Cira
Ecos da Comarca/Silleda
O programa Goza do Ulla regresa á comarca de Deza o vindeiro domingo 19 de outubro cun roteiro intermunicipal entre Vila de Cruces e Silleda, con saída nas Insuas de Gres (Ponte Ledesma) e chegada á área fluvial de Cira. O percorrido, duns 7 quilómetros, discorrerá paralelo ao río Ulla ata o punto onde conflúe co Deza, coñecido como Xunta
dos Ríos, un espazo de gran beleza e valor natural.

A saída será ás 9:30 horas, con autobús desde a parada de autobús de Silleda, con recollida de participantes na parada de Bandeira e viaxe de regreso ao final do percorrido desde Cira. O trazado, que esta edición será un percorrido con interpretación do patrimonio, permitirá gozar de fermosas paisaxes fluviais e coñecer o valor patrimonial da zona, como a Fundación Neira Vilas, o Sistema Fluvial Ulla-Deza e outras curiosidades do val. En Cirela, parroquia silledense rematará o roteiro, na praia fluvial de Cira, un enclave de gran atractivo turístico.
PUBLICIDADE

As persoas interesadas poden inscribirse no Concello de Silleda ata o xoves 16 de outubro, chamando ao 986 580 000 ou enviando un correo a cultura@silleda.es. É unha actividade de balde con prazas limitadas. Recoméndase levar calzado cómodo e resistente á auga, así como roupa axeitada para a climatoloxía prevista.
Baixo o nome Goza do Ulla, esta iniciativa de carácter turístico busca dar a coñecer e promocionar o rico e valioso patrimonio dos territorios á beira do Ulla promovendo un turismo sostible. Cira, coñecida tamén coma a horta de Silleda, é o referente silledense da ribeira do Ulla. En anteriores edicións, esta localidade tamén foi protagonista do roteiro e compartiu percorrido con A Estrada e outras áreas próximas. Nesta ocasión, o programa Goza do Ulla xunta a Cira con Gres, parroquia veciña situada en territorio de Vila de Cruces.
PUBLICIDADE
Este será o último roteiro do programa Goza do Ulla 2025, unha iniciativa intermunicipal que, xurdíu hai máis dunha década e na que participan 19 municipios das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra.







Comentarios