Silleda sumarase ao Sistema VioGén para o seguemento dos casos de violencia de xénero
- Laura Moure
- 1 abr
- 2 Min. de lectura
Na actualidade hai 11 casos activos neste municipio
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda sumarase ao Sistema de Seguemento Integral nos casos de Violencia de Xénero, coñecido como Sistema VioGén, da Secretaría de Seguridade do Ministerio do Interior. Así, onte celebrouse na Casa consistorial un encontro ao que asistiron
representantes de distintas Administracións. Ademais da alcaldesa, Paula Fernández e a concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, asistiron por parte da subdelegación do Goberno, María José Rodríguez, xefa da Unidade de Violencia da Muller e unha axente do EMUME; membros da Garda Civil, ente eles o sarxento de Silleda, Daniel Ríos; o xefe da Policía Local, Manuel López, e as traballadoras do Centro de Información á Muller do Concello.

Durante a xuntanza abordaronse cuestións relativas ao número de casos activos no municipio (a día de hoxe hai un total de 11), e coordinación entre as forzas da orden para o seguemento das vítimas. Así mesmo, dende a Subdelegación a responsable de Violencia da Muller expuxo os pasos a seguir para adhesión do municipio ao Sistema VioGén, ao que se compromete o Concello de Silleda.
O seguinte paso será a convocatoria da Xunta Local de Seguridade na que se aprobará a adhesión do municipio de Silleda ao protocolo asinado pola Federación Española de Municipios e Provincias, un trámite previo á sinatura do protocolo operativo de colaboración entre a Garda Civil e o Concello, e o convenio final coa secretaría de Estado de Seguridade.
Publicidade
O Sistema VioGén púxose en marcha en xullo de 2007 en cumprimento do establecido na Lei Orgánica 1/2004, de 28 de diciembre, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero. Entre os seus obxectivos está aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero; integración da información de interese que se estime necesaria, realizar unha predicción do risco ou efectuar labores preventivas, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do Subsistema de Notificacións Automatizadas cando se detecten incidencias ou situacións que poidan poñer en perigo a integridade da víctima.
“Coa integración neste sistema, en Silleda aumentamos a implicación do Concello na protección das mulleres vítimas de violencia de xénero”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.
Comments