O programa Silleda Camiña arranca de novo o día 6 de marzo
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda iniciou onte os traballos de reforzo da iluminación na vila da Bandeira, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e mellorar a visibilidade en puntos de gran tránsito peonil. As actuacións inclúen a instalación de novos puntos de luz en varios pasos de peóns non semaforizados e o reforzo do alumeado nun tramo da rúa Xeral que ata agora só dispoñía de luminarias nun dos seus marxes.
Con esta intervención, preténdese reducir os riscos para peóns e condutores, garantindo unha mellor identificación dos cruces e unha iluminación máisequilibrada ao longo da rúa. O reforzo lumínico en pasos de peóns mellorará a súa visibilidade en horario nocturno e en condicións de pouca luz, mentres que a mellora na rúa Xeral permitirá corrixir a falta de iluminación nun dos seus lados, proporcionando unha percepción máis clara da vía.

Esta actuación enmárcase dentro da aposta do Concello de Silleda por unha mobilidade máis segura e accesible, con proxectos que contribúen a mellorar a calidade do espazo público. O reforzo da iluminación en Bandeira súmase a outras intervencións realizadas nos últimos meses para optimizar a seguridade viaria en distintas zonas do municipio.
Os traballos na Bandeira rematarán esta semana. O Concello agradece a colaboración cidadá, á hora de acatar as sinais provisionais para evitar o estacionamento de vehículos nas marxes da vía, e reitera o seu compromiso con accións que favorezan unha vila máis segura e accesible para todas as persoas.
Máis melloras en Silleda
Os traballos de mellora na iluminación e na seguridade viaria continuarán nas seguintes semanas en Silleda, onde se substituirán todas as farolas e os báculos por outros de maior tamaño nas rúas María Colmeiro, Venezuela, Alonso Ríos e Ronda de Outeiro, co obxectivo de optimizar a visibilidade e a eficiencia lumínica nestas vías.
Na capital municipal tamén se instalaron hai varios meses reforzos para a iluminación nocturna nos pasos de peóns non semaforizados da rúa Trasdeza, en plena estrada nacional.
Por outra banda, o programa Silleda Camiña volve a partir da vindeira semana, o 6 de marzo, con andainas biosaudables, abertas a todas as persoas interesadas. Haberá como vén sendo habitual rutas guiadas dende o pavillón municipal César G. Fares, que se celebrarán dous días a semana: o luns pola tarde (de momento ás 17:00 horas con cambios previstos en cando mude o horario a final de mes) e os xoves ás 10:00.
Todas as persoas que estén interesadas en participar poden recibir máis información no Concello de Silleda (departamento de Deportes) ou remitir un mail cos seus datos a deportes@silleda.gal
Este programa, que se puxo xa en marcha en 2021 dende os departamentos de Deportes e Turismo para fomentar hábitos saudables, os desprazamentos a pé e tamén o coñecemento de espazos turísticos, volta para seguir mellorando a saúde da cidadanía. Neste marco, e de xeito transversal, o programa vaise a diversificar tamén este ano cunha nova iniciativa, que tamén arrancará en marzo.
Esta actividade contará novamente ca colaboración do Centro de Saúde de Silleda. O seu personal encargarase de tomar parámetros antropométricos e constantes ás persoas participantes, ademais de realizarlles un cuestionario sobre alimentación.
Comentarios