Silleda recoñece a traxectoria da fotógrafa Pilar Abades como ‘(in)visible’ do mes de agosto
- Laura Moure

- 20 ago 2024
- 2 Min. de lectura
Integrante da cooperativa Illa Bufarda, é a directora de fotografía do filme documental ‘Negro Púpura’ que se pode ver en Filmin
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda conmemora este 19 de agosto o Día Internacional da Fotografía recoñecendo a traxectoria da veciña de Lamela Pilar Abades, dedicándolle este mes de agosto o recoñecemento (in)Visibles, programa co que o Concello quere visibilizar a pegada e legado que deixaron e deixan as mulleres no municipio.

Pilar Abades nace en 1985 en Lamela, lugar onde sempre atopou inspiración e referentes para os seus proxectos fotográficos e aduiovisuais. Actualmente é integrante da cooperativa Illa Bufarda, que vén de recibir o Premio á Excelencia Empresarial de Innovación e Comercialización de produtos e servizos culturais. Pilar Abades é a directora de fotografía do filme documental Negro Púrpura, un dos traballos de máis proxección da produtora, que actualmente pode verse en Filmin.
Publicidade
Conmovida pola obra fotográfica de Sally Man e empurrada pola curiosidade que a cámara e os álbums familiares espertaban nela, Pilar Abades ten claro dende a adolescencia que quere estudar fotografía. En 2005 comeza a súa carreira profesional titulándose primeiro como Técnica Superior en Imaxe no CIFP de Imaxe e Son da Coruña e logo licenciándose en Comunicación Audiovisual polas Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo.
Na universidade forxa, con mestres e compañeiras, relacións que serán chave para o seu posterior desenvolvemento laboral. Chega a traballar de 2009 a 2012 como investigadora e deseñadora de exposicións no Arquivo Pacheco de Vigo. Neste contexto, publica o seu primeiro artigo na Revista Grial xunto con Pablo Prado, no que investigan arredor da fotografía postmorten. Posteriormente, abre o seu propio estudo de fotografía na casa familiar de Lamela, convencida que dende o rural é posible o traballo creativo. Nestes anos, forma parte do equipo editorial da revista fotográfica Caleidoscópica e participa en diversas exposicións colectivas. Ao tempo, segue a formarse en dixitalización do patrimonio, na análise e crítica artística e comeza na USC o Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato na especialidade de Artes Plásticas.
Publicidade
En 2019, entra a formar parte da cooperativa Illa Bufarda, fundada en 2012 por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, onde realiza labores de fotografía, audiovisual, deseño, animación, comunicación e formación en todas estas áreas. Logo destes 15 anos de traxectoria profesional está convencida do poder transformador da linguaxe fotográfica e audiovisual para seguir a traballar en materia de lingua, xénero e identidade.








Comentarios