Silleda recibe hoxe en comboi especial as novas árbores de gran porte para a Avenida do Parque
- Laura Moure

- 14 abr
- 2 min de lectura
A chegada dos exemplares, prevista para as 08:00 horas, obrigará a cortar ao tráfico o cruce coa rúa Xeral durante as tarefas de plantación
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda recibirá hoxe, martes os novos exemplares arbóreos que se plantarán na Avenida do Parque, dentro da actuación de renovación paisaxística e ambiental deste espazo urbano. A chegada está prevista arredor das 08:00 horas e realizarase nun comboi de transporte especial, dada a envergadura das árbores, exemplares de gran porte que veñen confirmar a aposta municipal por unha intervención de calidade, con especies de importante valor ornamental e plenamente adaptadas ao entorno urbano.

Tal e como xa se avanzara a pasada semana, no primeiro tramo da avenida serán plantados catro exemplares de Acer de gran porte, cunha media de idade de arredor de 18 anos, perímetros de entre 60 e 80 centímetros e copas que nalgúns casos acadan ata os 7 metros de anchura, configurando así un conxunto arbóreo singular que converterá este espazo nunha nova referencia verde no centro da vila
Con motivo destas tarefas, será preciso cortar ao tráfico o cruce da Avenida do Parque coa rúa Xeral, polo que se solicita á veciñanza e ás persoas condutoras a máxima colaboración. O tráfico será desviado polas rúas Castros de Toririz e Santa Olaia, itinerarios alternativos habilitados mentres se desenvolvan os traballos de descarga, colocación e plantación dos exemplares.
PUBLICIDADE
Dende o Concello sinálase que a chegada destas árbores supón un novo paso nunha actuación que non só permitirá renovar o arborado da avenida, senón facelo con exemplares de gran entidade, capaces de achegar valor paisaxístico, sombra, identidade e calidade urbana a un dos espazos máis emblemáticos de Silleda.
PUBLICIDADE
A intervención enmárcase no proxecto de mellora integral da Avenida do Parque, no que tamén se contempla a creación dunha nova zona axardinada con bancos e especies arbustivas e aromáticas, reforzando así o carácter amable, sostible e máis humanizado desta contorna urbana.








Comentarios