top of page

Silleda recibe 100.000 euros de Agader para mellorar os centros sociais de Ponte, Fiestras e Cervaña

O proxecto actuará sobre estes tres equipamentos municipais do rural, co obxectivo de ampliar servizos básicos de proximidade nas parroquias


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de recibir a resolución de concesión dunha axuda de 100.000 euros por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader, para a execución do proxecto de mellora de servizos básicos no municipio, que permitirá actuar nos centros sociais das parroquias de Ponte, Fiestras e Cervaña.


A subvención enmárcase na convocatoria de axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, Feader, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia. Estas axudas teñen como finalidade apoiar investimentos que contribúan á mellora das condicións de vida da poboación rural, á prestación de servizos básicos e á fixación de poboación no territorio. O proxecto presentado polo Concello de Silleda conta cun orzamento aceptado de 109.610,83 euros, dos que Agader concede unha axuda de 100.000 euros.

O centro social de Ponte.
O centro social de Ponte.

Segundo a resolución, o financiamento distribúese nun 60% con fondos Feader, nun 12% con achega estatal e nun 28% con fondos da Xunta de Galicia. A actuación proposta ten como obxectivo a mellora, adaptación e dotación de tres centros sociais municipais situados nas parroquias de Ponte, Fiestras e Cervaña, co fin de ampliar e consolidar dous programas municipais de referencia: Silleda Co-labora e Silleda Dinamiza. Deste xeito,

o Concello dá continuidade á creación dunha rede de servizos básicos descentralizados no medio rural, adaptados ás necesidades reais das parroquias.


No caso do centro social de Ponte, a intervención permitirá ampliar o programa Silleda Co-labora mediante a creación dun obrador comunitario de uso compartido, vinculado á valorización, transformación e comercialización de produtos agroalimentarios. Este novo espazo estará acondicionado e dotado co equipamento necesario para facilitar a elaboración, manipulación e preparación de produtos, ofrecendo apoio a pequenos produtores e produtoras e contribuíndo á dinamización económica do rural.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A actuación en Ponte completarase coa ampliación da illa de residuos existente mediante a instalación dun composteiro comunitario, que permitirá valorizar os residuos orgánicos xerados no propio obrador e reforzar a aposta municipal pola economía circularPola súa banda, nos centros sociais de Fiestras e Cervaña realizaranse actuacións de mellora e

reparación das instalacións para ampliar o programa Silleda Dinamiza, orientado á reactivación social, cultural e comunitaria do rural. Estes espazos acollerán actividades de lecer, recreativas e culturais dirixidas ao conxunto da veciñanza, con especial atención á poboación maior, fomentando o envellecemento activo, a participación social e a prevención do illamento.


O proxecto tamén inclúe melloras de accesibilidade universal, coa eliminación de barreiras arquitectónicas e a adaptación dos espazos para persoas con mobilidade reducida. Ademais, os centros serán dotados de elementos vinculados ás illas de reciclaxe xa existentes, como soporta-contedores, contribuíndo á mellora da xestión

de residuos e á concienciación ambiental nas parroquias.


A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destaca que “esta nova axuda permítenos seguir avanzando nun modelo de municipio que aposta polo rural, polos servizos de proximidade e pola recuperación dos espazos comunitarios como lugares vivos, útiles e abertos á veciñanza”.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Fernández subliña que “os centros sociais son infraestruturas fundamentais nas parroquias, especialmente nun contexto no que é preciso combater o illamento, favorecer a participación e facilitar que a veciñanza poida acceder a actividades e servizos sen ter que desprazarse sempre ao núcleo urbano”.


A rexedora engade que “esta actuación combina diferentes obxectivos estratéxicos para o Concello: dinamización social, apoio á produción local, sustentabilidade, accesibilidade e reforzo da identidade parroquial”. Neste sentido, lembra que tanto Silleda Dinamiza como Silleda Co-labora forman parte da liña de traballo municipal para aproveitar os recursos existentes, activar os centros do rural e ofrecer novas oportunidades ás parroquias.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page