A alcaldesa deste concello, Paula Fernández Pena, acudiu a presentar o plan municipal, xunto cas rexedoras de A Coruña e Santiago
Laura Moure/Silleda
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, presentou este mércores 4 de decembro no Foro A saúde mental baixo o foco o Plan Municipal de Saúde Mental do municipo, que botou a andar o pasado mes de outubro convertindo a Silleda no único municipio galego da súa categoría con este programa de acción. O acto, baixo o lema “A saúde mental baixo o foco” celebrouse este mércores no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, organizado dende o Concello de Ames e La Voz de Galicia.
Logo da intervención sobre o funcionamento do Plan de Saúde Mental Municipal do Concello de Ames, que presentaron o alcalde da localidade, Blas García, e a a concelleira de Promoción da Saúde Susana Señorís; así como os co-fundadores de CoidadosAmesnte, (Belén Montesa e Juan Carlos Permuy), celebrouse unha mesa de diálogo sobre a importancia da implicación municipal no coidado da saúde mental da veciñanza.
Paula Fernández, que estivo presente nesta mesa xunto cas alcaldesas da Coruña, Inés Rey, e de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou a importancia de concienciar e visibilizar os problemas relacionados coa saúde mental. Pena desgranou o plan de saúde mental silledense, con eixos como o programa “Silleda Acompáñate”, un servizo de orientación e asesoramento psicolóxico accesible para toda a cidadanía, e dende o que se levará a cabo unha avaliación das necesidades emocionais das persoas usuarias para , de ser necesario, derivalas a servizos especializados. “Este plan amosa o noso compromiso co benestar da veciñanza traballando para mellorar a súa calidade de vida e crear unha comunidade máis forte e saudable”, engadiu.
Publicidade
Así mesmo, a rexedora silledense explicou a programación do plan de saúde mental, que se estructurará por trimestres, comezando xa este mesmo mes coa creación dunha rede de voluntariado para loitar contra a soidade non desexada.
O foro contou tamén con outra mesa sobre deporte e saúde mental, na que interviron o exadestrador do Obradoiro Moncho Fernández e o deportista Borja Golán, considerado mellor xogador da historia de España de Squash. Dende o Concello de Silleda, a alcaldesa e a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, que tamén asistiu ao foro, agradeceron o convite do Concello de Ames para participar neste foro e poder expoñer o seu programa poñendo no foco a importancia da saúde mental. “Que a organización situara a Silleda á altura de Ames, Santiago ou A Coruña nas políticas activas de promoción da saúde mental, indícanos que imos polo bo camiño”, rematou a alcaldesa.
Comments